Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

O calendario do Concello de Carballo para o ano 2023 fai un percorrido aéreo por todas as parroquias e os barrios

Nesta ocasión vén acompañado por unha colección de 24 postais e inclúe coplas tradicionais de cada lugar

Luns 5 de decembro do 2022

Evencio Ferrero, Ramón Varela, Maruxa Suárez e Evaristo Domínguez

Evencio Ferrero, Ramón Varela, Maruxa Suárez e Evaristo Domínguez

Xa está na rúa o novo calendario do Concello de Carballo!

No ano 2023 convidámosvos a realizar un percorrido por todas as parroquias e polos barrios urbanos a través das fotografías aéreas realizadas por Oti Fernández, pero tamén das coplas recollidas por Ramón Varela, da Escola do Alprende, e Evaristo Domínguez Rial, do Instituto de Estudos Bergantiñáns.

Os dous últimos asistiron á presentación do almanaque xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, que destacou o traballo desenvolvido por todas as persoas participantes e amosou a súa satisfacción polo resultado final. “É tan bonito que decidimos facer postais con todas as fotos e as coplas para que poidamos envialas por todo o mundo”, manifestou.

Unha foto da Praza do Concello nun día de feira ilustra a portada, xunto coa seguinte copla: “Fun á feira a Carballo,/raleei ben para min,/para aló me fun solteiro/namoradiño me vin”. No interior, por orde alfabética, van aparecendo imaxes e coplas das 18 parroquias do noso concello, froito das achegas de Evaristo Domínguez e Ramón Varela. Este último louvou o resultado final e apuntou que habería moitas máis coplas para utilizar, porque “en Carballo hai moito patrimonio inmaterial. Seguramente se tedes algunha persoa maior na casa, coñecerá moitas das coplas”, sinalou.

Confirmando esa riqueza da nosa tradición oral, Evaristo Domínguez apuntou que ao longo de 19 anos de traballo conseguiu recompilar máis de 4.000 coplas que lle gustaría ver publicadas.

O alcalde, pola súa banda, quixo realizar un recoñecemento “ao traballo de investigación e recollida deste patrimonio inmaterial, un traballo que nos permite seguir tendo viva a memoria”, declarou.

O calendario e as postais están dispoñibles ata fin de existencias na Biblioteca Rego da Balsa e na oficina de turismo do Museo de Bergantiños. Coma sempre, de balde.

Descargas

Compartir: