A rapazada carballesa botou a lingua a pacer nos obradoiros do proxecto Enreguéifate
261 alumnos e alumnas de catro centros educativos participaron ao longo das dúas últimas semanas en talleres de regueifa
Venres 2 de decembro do 2022
No CEIP A Cristina regueifaron ata os nenos e nenas de infantil
O proxecto Enreguéifate proponnos este ano que botemos a lingua a pacer, e iso foi, precisamente, o que fixeron os 261 alumnos e alumnas dos CEIP A Cristina e Fogar e dos IES Isidro Parga Pondal e Monte Neme que participaron ao longo destas dúas últimas semanas nos obradoiros de regueifa coordinados dende o Servizo Municipal de Normalización Lingüística.
Obradoiro no IES Parga Pondal
Aínda que ao principio lles custase vencer a timidez, sobre todo aos máis maiores, ao final acabaron regueifando. Bos mestres e boas mestras non lles faltaron. Por Carballo pasaron estes días regueifeiros e regueifeiras coma Josinho, Lorena, Xairo, O Rabelo, Nuria, Cristian e Lupe Blanco, a representante local, que tivo ademais que asumir o reto de realizar un obradoiro no centro onde estudou, o Parga Pondal.
Enreguéifate é un proxecto promovido polos concellos de Ames, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo e Carballo, co que se procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. E por que a regueifa? Pois porque fomenta a capacidade de articular un discurso improvisado e amplía as aptitudes retóricas, e na idade moza, na que se conforma a identidade da persoa, convértese nunha potente ferramenta para desenvolver a autoconsciencia, a seguridade propia e a autoestima.
Os obradoiros para o alumnado constitúen só unha das patas do proxecto. Tamén houbo actividades formativas para o profesorado, e ademais segue aberto o prazo para participar no certame de regueifas en vídeo. Bótalles unha ollada ás bases e bota a lingua a pacer!