Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

O Servizo de Normalización Lingüística retoma a súa actividade con propostas con forza para seguir presumindo de idioma

A concelleira e a nova técnica de Normalización, acompañadas pola alcaldesa en funcións, presentaron as primeiras iniciativas en marcha

Venres 4 de novembro do 2022

Maruxa Suárez, Milagros Lantes e Carme Pereiro

Maruxa Suárez, Milagros Lantes e Carme Pereiro

O traballo do Concello de Carballo a prol da lingua galega é constante dende hai vinte anos, pero nos últimos meses recibiu un importante pulo coa reactivación do Servizo de Normalización Lingüística a raíz da contratación dunha nova técnica. A incorporación de Carme Pereiro permitirá reactivar programas que xa no seu día fixeron de Carballo un referente na promoción do noso idioma pero tamén poñer en marcha novas iniciativas. Algunhas delas démolas a coñecer hoxe nun acto no que participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e a alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, e que serviu tamén de presentación pública da nova técnica do SNL.

A propia Carme Pereiro explicou o traballo que se está a levar a cabo dende o departamento. Por unha banda, o Concello de Carballo retomou a participación en iniciativas colaborativas como Youtubeiras e Enreguéifate, ademais de continuar co proxecto Apego. O ano que vén volveremos a colaborar no curso de verán da UDC Traballando en lingua, e ademais estamos tramitando a nosa adhesión á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que, como explicou a técnica, “creouse coa intención de promover e dinamizar o uso da lingua galega a través da cooperación entre entidades de ámbito local”.

Youtubeiras

O Servizo de Normalización Lingüística regresa, como destacou a concelleira Maruxa Suárez, con moita forza e con iniciativas con forza. Carballo, sen ir máis lonxe, asume o papel de coordinación de Youtubeiras, unha iniciativa na que participan 12 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. “Xa estamos na sexta edición, por iso o lema é Para rede, a nosa! que simboliza o orgullo de termos unha rede de creadoras en galego xerando contidos de calidade”, subliñou Carme Pereiro.

O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de novembro, e, como apuntou a nosa técnica, pode presentarse calquera persoa maior de 14 anos, pero ademais dunha canle para compartir vídeos, é un proxecto “que tamén comprende formación, encontros colectivos, conversas, artigos... “.

Enreguéifate

Outro proxecto con gran presenza carballesa é Enreguéifate, onde van participar seis centros educativos do noso concello: CEIP A Cristina, IES Monte Neme, CEIP Fogar, IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e CEIP Bergantiños. En todos eles haberá obradoiros, que serán impartidos por Lupe, Cristian, Josinho, Nuria, Lorena, O Rabelo e Xairo.

O prazo para participar no certame estará aberto desde o 10 de novembro de 2022 ata o 10 de marzo de marzo de 2023 e a entrega de premios será o 14 de abril de 2023, no auditorio de Galicia, nunha festa conxunta de Enreguéifate e Regueifesta.

Apego

En canto a Apego, dirixido a familias con crianzas menores de 6 anos para fortalecer o arraigo coa lingua, dende xullo levamos inscritas arredor de 30 familias novas, co cal acadamos 283 en total.

O 23 de decembro celebraremos con todas elas a Festa de Apego, con actividades en horario de mañá e tarde na Biblioteca Rego da Balsa: música, contacontos, un obradoiro de pegadas de animais dirixido por Senda Nova, un de baile da man da Escola do Alprende e unha sesión de ioga en familia. “Por suposto que haberá unha caixa de correo para entregar as cartas de Nadal”, engadiu Carme Pereiro.

Outras iniciativas

Nestes poucos meses de actividade, dende o Servizo de Normalización Lingüística tamén se teñen impulsado outras iniciativas de achegamento e fomento do noso idioma, entre eles, dentro da campaña Pégate ao galego, o reparto de adhesivos para as axendas escolares a todo o alumnado de infantil, primaria e secundaria.

Neste momento estamos a impartir, con moita participación, clases preparatorias de probas Celga no Fórum Carballo, todos os xoves dos meses de novembro e decembro, “para axudar as persoas que se van presentar ás probas Celga que realiza a Xunta de Galicia a finais de novembro”, explicou Carme Pereiro.

E ademais estamos a preparar o calendario do 2023, accións para hostalaría e comercio ou o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recuperaremos. Nese sentido, Milagros Lantes quixo agradecer o importante traballo realizado polo anterior técnico do SNL e avogou por seguir facendo de Carballo un concello de referencia con propostas que contribúan a poñer en valor a nosa lingua. Porque, como concluíu Carme Pereiro, “se queremos diferenciarnos neste mundo globalizado non podemos facelo pola roupa, porque as mesmas marcas que venden aquí fano en todo o mundo, pero si polo idioma, porque a nosa lingua é única”.

Compartir: