Carballo é o primeiro concello en promover un caderno de pasatempos en galego e con temática local
Hoxe presentamos “A píllara das dunas”, unha revista con pasatempos para todas as idades publicada coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega
Luns 19 de xullo do 2021
A presentación realizouse no patio da Biblioteca Rego da Balsa
A píllara das dunas non só é un dos habitantes máis emblemáticos e ameazados dos nosos areais, senón que tamén se converte “en guía excepcional para unha revista tamén excepcional, por pouco habitual, no noso panorama editorial. Unha revista de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos e de lóxica, e todo centrado nas particularidades de Carballo”, como sinala a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, na introdución do caderno.
E repetiuno hoxe na presentación, que tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa e na que estivo acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, e pola presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Patricia Varela, xa que a iniciativa da publicación da revista partiu da AS-PG. “Centrámonos na figura da píllara, pero tamén buscamos información sobre a historia de Carballo, sobre as distintas parroquias... porque o que nos movía era facer algo co que puideras aprender e, ao mesmo tempo, facelo en galego. Porque a nosa lingua nós querémola ver, como dicía aquel cartel tan antigo, gastada polo uso”.
Temos 2.000 exemplares que podedes solicitar, ata fin de existencias, na bibliopraia de Razo, nos postos de salvamento de Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, nas bibliotecas municipais e na oficina de turismo do Museo de Bergantiños
A autoría dos pasatempos é de Xoán Costa, que tamén elabora os de distintas publicacións de prensa. E, na súa liña, como apuntou o alcalde, “hai algún moi doados e outros moi difíciles”. Neste caso a variedade é moitísima, porque se trata de chegar a públicos de diferentes idades, dende rapazada ata maiores. A píllara vai presentando distintas probas, dende atopar nas sopas de letras a outros animais cos que comparte hábitat ou as 18 parroquias do noso concello ata buscar nun labirinto o camiño que atravesa o castro de Cotomil. E ademais, como destacou Maruxa Suárez, a publicación inclúe varios códigos QR que nos permiten escoitar o asubío de distintas aves ou a música de grupos locais.
“A píllara das dunas” normaliza o galego nun espazo no que non soe ter presenza. De feito, Carballo convértese no primeiro concello en publicar un caderno de pasatempos en galego. “Gústanos ser pioneiros, pero non ser os únicos”, comentou Evencio Ferrero, animando a outras administracións a sumarse a iniciativas que contribúen a preservar o idioma do mesmo xeito que traballamos por conservar unha especie en extinción como é a píllara.
O caderno de pasatemos repartirase de balde. Temos 2.000 exemplares que podedes solicitar, ata fin de existencias, na bibliopraia de Razo, nos postos de salvamento de Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, na Biblioteca Rego da Balsa e na oficina de turismo do Museo de Bergantiños.