Participa no concurso de lemas "Desmontando os mitos do amor romántico" en Instagram!
As concellarías de Normalización Lingüística e Igualdade tratan de concienciar á mocidade sobre os falsos tópicos asociados ao amor romántico
Luns 1 de febreiro do 2021
As áreas de Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Carballo convocan o I Concurso de lemas “DESMONTANDO OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO” con motivo do Día do Amor/San Valentín (14 de febreiro) con intención de concienciar ás mozas e mozos sobre os falsos tópicos asociados ao amor romántico, coma os seguintes:
- O amor pode con todo
- O amor de parella indispensábel para dar sentido á vida
- Cando se está namorado é imposíbel sentir atracción por outra persoa. O amor é posesión e exclusividade
- Estamos predestinados a estar xuntos: somos almas xemelgas/é a miña media laranxa, complétame
- Os celos son unha proba de amor
- A participación no I Concurso de Lemas “Desmontando os mitos do amor romántico” está aberta a calquera persoa usuaria de Instagram, sen límite de idade.
- Só se admitirán lemas en galego.
- Para participar será preciso utilizar unha imaxe ou vídeo nos que poida lerse ou escoitarse o lema proposto, que, preferentemente, non superará os 10 segundos de duración. Con todas as imaxes e/ou vídeos participantes elaborarase un resumo final na que figurarán as distintas propostas e a autoría de cada unha delas.
- O prazo para participar estará aberto dende as 00.00 horas do día 2 ata as 24.00 horas do día 12 de febreiro de 2021.
- As persoas que queiran participar publicarán as imaxes e/ou vídeos cos lemas nas súas contas persoais, etiquetando a @carballomola. No texto adxunto incluiranse os cancelos #desmontandoamorromántico #igualdadecarballo #normalizaciónlingüísticacarballo e #díadoamorcarballo. Ademais, no prazo indicado terán que enviar as imaxes e/ou vídeos por whatsapp ao número 604072887, indicando nome completo, localidade de residencia, teléfono de contacto (de ser un diferente ao utilizado para o envío) e nick de Instagram.
- Todas as persoas participantes recibirán un agasallo da campaña “eu quero a Carballo”.
- Entre todas as persoas participantes sortearase un xantar/cea para dúas persoas nun establecemento hostaleiro de Carballo. En función da situación sanitaria e das restricións vixentes, se non é posible gozar do premio no propio establecemento, o xantar ou cea será para levar ou para servir a domicilio.
- O Concello de Carballo poderá utilizar os lemas en futuras campañas que contribúan a seguir avanzando cara a igualdade entre mulleres e homes.