A concelleira Maruxa Suárez e a escritora Rosalía Fernández entregaron os premios do I Concurso de Microrrelatos de Nadal
O carballés Pablo Carballo Pacoret acadou o premio do público e a veciña de Ordes Sara del Río Seoane, o do xurado
Mércores 6 de xaneiro do 2021
Rosalía Fernández, Maruxa Suárez, Sara del Río e Pablo Carballo
Coincidindo coa celebración das festas de Nadal e co obxecto de fomentar a participación a través das redes sociais nunha celebración tan tradicional, a Concellaría de Normalización Lingüística convocou o concurso “Microrrelatos de Nadal 2020” en Instagram. O concurso consistiu en que as persoas participantes subisen un relato relacionado co Nadal, de 77 palabras como máximo, á súa conta persoal de Instagram e que etiquetasen a conta do Concello de Carballo, reservando un premio para a publicación que máis “gústame” obtivese e outro a decidir por parte do xurado, que nesta primeira edición estivo integrado pola concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez Cotelo, e pola escritora Rosalía Fernández Rial.
Tal como figuraba nas bases, ás 24.00 horas do día 3 de xaneiro de 2021 fíxose o reconto, e a fotografías con máis “likes”, cun total de 100, foi a presentada pola conta @amochiladavida, que pertence a Pablo Carballo Pacoret, de Carballo. Pola súa banda, o xurado seleccionou como mellor microrrelato o presentado pola conta @triangulo_arquilatero, de Sara del Río Seoane, de Ordes.
Maruxa Suárez e Rosalía Fernández fixéronlles entrega o día 5 de cadanseu roscón de Reis, pero os premios tamén inclúen un vale de 30 euros para mercar en librarías de Carballo e outro polo mesmo importe para consumir na hostalaría local. Moitos parabéns!
Relato @amochiladavida
O túnel baixo a rúa Coruña iluminouse de súpeto, e unhas escaleiras deixáronse ver. Cando chegamos arriba, a neve cubría a praza do Concello carballesa. Ninguén levaba mascarilla, todos se abrazaban e podiamos ver os sorrisos da xente. O cartel do concello lembraba: “Feliz 2020”. Mirámonos, quitamos as mascarillas e abrazámonos. “Bo Nadal, mamá”, díxenlle ao oído, pensando que ás veces si que se cumplen os desexos.
Relato “Queimemos a vida”, de @triangulo_arquilatero
Esta veliña ten a nosa historia. Fariámola na unitaria de Lesta no Nadal do 199X, cuns dediños máis pequerrechos do que o son agora, coa axuda e supervisión da supermestra Sagrario.
Aférrome moito a estas cousas e este derradeiro día de 2020 pareceume a ocasión perfecta para deixar que se consumise. Gardeina durante máis de vinte anos, mais non me esquecerei do esencial do vivido daquela por arder unha vela.
A vida, non a teñas agochada.