A Concellaría de Normalización Lingüística convoca un concurso de microrrelatos de Nadal en Instagram
O prazo para participar estará aberto dende o 23 de decembro de 2020 ata o 3 de xaneiro de 2021
Martes 22 de decembro do 2020
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca o “I Concurso de microrrelatos de Nadal en Instagram” coa finalidade de promover o uso da lingua galega nas redes sociais, de fomentar a participación da mocidade en iniciativas de carácter cultural e de contribuír a dinamizar as datas de Nadal mediante unha actividade que pode desenvolverse dende os fogares e na que poden participar persoas de todas as idades.
BASES
- A participación no I Concurso de Microrrelatos de Nadal está aberta a calquera persoa usuaria de Instagram, sen límite de idade.
- A temática do microrrelato será o Nadal. Deberase mencionar a palabra Nadal e/ou facer referencia a el no texto.
- Só se admitirán textos en galego.
- As obras deberán ter unha extensión máxima de 77 palabras, sen contar o título nin as etiquetas ou hagstags. Acompañarase unha fotografía, ilustración, vídeo ou similar que garde relación co texto.
- As persoas que queiran participar publicarán os micorrelatos nas súas contas persoais, etiquetando a @carballomola. No texto incluiranse os hagstags #carballomicrorrelatos, #normalizaciónlingüísticacarballo e #NadalenCarballo
- O prazo para participar estará aberto dende o 23 de decembro de 2020 ata o 3 de xaneiro de 2021.
- Haberá dous premios: un para o microrrelato que acade máis “gústame” ata as 24.00 horas do 3 de xaneiro de 2021 e outro para o mellor microrrelato a xuízo do xurado do concurso, que estará integrado pola concelleira de Normalización Lingüística e unha persoa vinculada ao mundo das letras e/ou das redes sociais.
- O nome dos gañadores ou gañadoras farase público o 4 de xaneiro, a través da páxina web www.carballo.gal e das redes sociais do Concello de Carballo.
- Os premios para cada un/ha dos gañadores/as serán os seguintes:
- A publicación do microrrelato, xunto coa imaxe que o ilustre, na páxina web do Concello de Carballo.
- Un roscón de Reis.
- Un vale de 30€ para gastar en librarías de Carballo.
- Un menú por valor de 30€ para levar ou servir a domicilio nun establecemento de hostalaría local.