O estudante de Secundaria Jesús Miguel Goimil Ares gaña o I Concurso de microrrelatos #carballomola en Instagram
No certame, convocado pola Concellaría de Normalización Lingüística, participaron 46 autores e autoras
Xoves 23 de abril do 2020
Se foches seguidor ou seguidora do I Concurso de microrrelatos #carballomola en Instagram estarías desexando saber quen estaba detrás do perfil miss_estrellita3.0, que día a día ía sumando “gústames” ata acadar un total de 2.358 ao remate do prazo establecido no certame. Hoxe desvelamos a identidade do misterioso gañador: Jesús Miguel Goimil Ares, un mozo carballés que estuda no IES Isidro Parga Pondal. Dende aquí, moitísimos parabéns!
O concurso convocado pola Concellaría de Normalización Lingüística para convidar ás persoas usuarias de Instagram a escribir sobre o confinamento tivo moi boa aceptación. Participaron 46 autores e autoras, que, ademais de textos moi traballados, incluíron ilustracións, fotografías e vídeos propios que contribúen a enriquecer estas breves historias de 77 palabras como máximo.
A concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, agradece a participación de todos e todas e felicita ao gañador, que recibirá, tan pronto como as circunstancias o permitan, un lote de produtos co logotipo “Eu quero a Carballo” e un vale de 150€ para gastar en librarías de Carballo. O premio inclúe tamén a publicación do microrrelato nesta páxina web e nas redes sociais. Agardamos que vos guste.