“O PREMIO DE CARBALLO XA TODO O MUNDO O COÑECE”, ASEGURA
O autor ribeirense Carlos Lixó gañou o Premio a artigos xornalísticos normalizadores ao terceiro intento
Evencio Ferrero fíxolle entrega do galardón nun acto ao que tamén asistiron os concelleiros Xosé Regueira, Milagros Lantes e Marcos Trigo
Xoves 24 de maio do 2018
Carlos Lixó visitou Carballo en dúas ocasións. A primeira, nunha excursión organizada pola súa parroquia cando ía ao catecismo, e a segunda, hoxe, para recoller o Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Entre unha e outra xa pasou tempo, aínda que non tanto, porque o gañador da 14ª edición do certame ten 26 anos e aparenta aínda menos. Coa grata sorpresa de que o seu artigo Alpabardas verdes fose o seleccionado polo xurado e co compromiso de regresar a Carballo polo menos unha terceira vez, o investigador e profesor de Historia en formación na Universidade de Santiago, Carlos Lixó recibiu o cheque por 1.250 euros nun acto que tivo lugar esta tarde na Alcaldía, e no que ademais de Evencio Ferrero participaron os concelleiros Xosé Regueira, Milagros Lantes e Marcos Trigo.
Ademais do premio en metálico, o alcalde agasallou ao gañador cun lote de publicacións literarias e audiovisuais editadas polo Concello e que sen dúbida o animarán aínda máis para esa terceira visita. No caso de Carlos Lixó, na súa relación con Carballo está moi presente o numero 3, xa que tamén esta foi a terceira vez que se presentou a un certame que, como el mesmo confirmou, gaña en prestixio en cada edición. “O premio de Carballo xa todo o mundo o coñece”, asegurou.
Carlos Lixó tivo que competir con outros 52 autores e autoras, e agora verá o seu artigo publicado, este mesmo domingo 27, nos nove medios de comunicación colaboradores: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.
Un certame xa consolidado para a posta en valor do galego
Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.
Nas trece edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures, Borxa Tenreiro ou Iria Veiga.