Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

AO CERTAME PRESENTÁRONSE 53 TRABALLOS

O investigador, profesor e poeta ribeirense Carlos Lixó gaña o Premio a artigos xornalísticos de lingua

O artigo gañador, "Alpabardas verdes", publicarase o domingo 27 de maio nos nove medios de comunicación colaboradores co certame

Mércores 16 de maio do 2018

Carlos Lixó Gómez, gañador da 14ª edición do premio

Carlos Lixó Gómez, gañador da 14ª edición do premio

O xurado do XIV Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse onte, martes 15 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 53 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo no Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Alpabardas verdes», de Carlos Lixó Gómez.

Segundo indicou o xurado na acta, valorouse «a súa calidade narrativa e lingüística» así como «a súa capacidade de incidencia no público», e destaca «o ben que liga o particular co tema xeral que quere transmitir. Partindo dunha anécdota do uso dun termo local concreto, o autor consegue facer unha reflexión global sobre a importancia do uso da lingua, e da súa diversidade e riqueza». Ademais, «o artigo conecta coa actualidade e coa mocidade, exemplificando o uso do galego nas novas tecnoloxías e nas redes sociais, onde é tan importante a súa visibilización e normalidade».

Carlos Lixó Gómez (Carreira-Ribeira, 1991) traballa como investigador no Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén imparte aulas de Historia Medieval. Neste mes de maio sae do prelo o seu primeiro poemario, As casas, merecente do XXX Premio Nacional Pérez Parallé.

O xurado do certame estivo composto por Iria Veiga, médica psiquiatra, e gañadora da edición anterior; Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Noelia Antelo, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto; ademais de Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Carballo.

Un certame para a posta en valor do galego

A reunión do xurado celebrouse onte pola tarde

A reunión do xurado celebrouse onte pola tarde

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.

O xurado agradécelles a todas as autoras e a todos os autores a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», tamén que «valora positivamente os traballos presentados, a participación e o traballo individual das autoras e dos autores para achegar argumentos favorables para a posta en valor do galego e para o proceso de normalización da lingua», polo que «animan a todos/as os/as participantes a intentaren publicar e difundir os seus artigos, aínda que estes non fosen premiados».

Nas trece edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures, Borxa Tenreiro ou Iria Veiga.

Compartir: