NO EVENTO ENTREGÁRONSE OS PREMIOS DO CERTAME ENREGUÉIFATE
Estudantes de Carballo participaron na Regueifesta, que encheu o Auditorio de Galicia cun milleiro de persoas
A regueifa renóvase e continúa expandíndose entre a xente moza, presentándose como unha ferramenta didáctica con múltiples potencialidades
Mércores 2 de maio do 2018
Na mañá do mércores 2 de maio congregáronse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, arredor de 1000 persoas -a maioría escolares de diferentes centros do país- para celebrar a terceira edición da Regueifesta. Esta actividade didáctica impulsada polos proxectos Enreguéifate –dos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo– e Regueifesta –dos IES de Baio e Vila de Cruces– procura que as nenas, nenos, mozas e mozos entren en contacto coa improvisación oral en verso dun xeito lúdico e festivo, percorrendo as diferentes manifestacións do repente tradicional galego e conectándoas coas doutros lugares, neste caso Euskadi e Catalunya. Así mesmo, coincidindo con esta cita, tivo lugar a entrega dos premios do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, que na súa II edición contou con máis de 70 pezas participantes.
Ao evento, dinamizado polos/as regueifeiros/as Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda; aucudiron estudantes -tanto de Primaria coma de Secundaria- de diversos puntos do país: Compostela, Teo, Ames, Padrón, Pobra de Trives, Viveiro, Cambre, Carballo, Rianxo, Boiro,Vimianzo, Lugo, Pontevedra, Burela, Baio, Vila de Cruces... Ademais, serviu tamén de encontro interxeracional ao compartir espazo coas persoas participantes no proxecto Enreguéifate, a través do que nos últimos meses se desenvolveron obradoiros de regueifa en centros de ensino, unha xornada para profesorado que tivo lugar en febreiro en Carballo, ou o certame de regueifas en vídeo.
Durante preto de 2 horas, e co apoio de diversas proxeccións audiovisuais, fíxose un percorrido pola xeografía galega a través dos diferentes xeitos de improvisar (regueifas, brindos, bombas, xenerais da Ulla) para saltar despois ao bertso de Euskadi e á glosa de Catalunya da man de alumnado destes dous lugares que se atopa estes días en Galicia. Nenas, nenos, mozas e mozos da nova xeración galega de repentismo foron as encargadas de encher o escenario de versos improvisados, ademais de contar con música en directo a cargo de rapazada de varios dos centros educativos asistentes. Sumado a isto, estableceuse unha conexión entre o repente tradicional e outras formas de improvisación máis modernas, contando cun número centrado no freestyle.
Premios Enreguéifate
Na recta final da cita procedeuse á entrega dos premios da II edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, integrado no proxecto homónimo que impulsan os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), para promover a improvisación oral en verso en lingua galega.
Desta volta foron máis de 70 os vídeos recibidos entre a categoría xeral e a escolar. Esta última foi a máis concorrida, con regueifeiros/as de múltiples centros educativos de todo o país, algúns dos cales estiveron presentes na Regueifesta. Así, outorgáronse un total de 14 premios, algúns deles compartidos, escollendo en cada categoría a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. Na xeral os recoñecementos foron parar a Coristanco, Conxo, Viveiro, A Pontragha, Ameixenda, Malpica e Coruxo; mentres que na escolar levaron regueipremio centros educativos do Courel, Sigrás, Santiago, Ames, Boiro, Asados, Burela e O Carballiño. Así mesmo, o xurado decidiu concederlle un recoñecemento especial a dous alumnos do IES A Cachada (Boiro), Lois Cespón e Brais Yáñez, pola orixinalidade e calidade da súa proposta, na que trasladaron a arte da improvisación oral en verso ao freestyle.