Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Maio e xuño de animación, formación e socialización en galego cunha chea de actividades con Apego

A primeira cita será o día 2 na Ludoteca Municipal co contacontos infantil "Amodo, amodiño", de Trécola Teatro

Luns 30 de abril do 2018

Mentres agardamos que vaia chegando algo máis de sol e calor, e unha vez rematada a Semana do Libro e a Lectura –que encheu Carballo de libros, contos e imaxinación–, o programa Apego continúa coas actividades de formación para familias e animación e socialización en galego para nenas e nenos durante os meses de maio e xuño.

Así, en maio, xa o día 2, terá lugar o contacontos infantil Amodo, amodiño, de Trécola Teatro, na Ludoteca Municipal. É para nenos/as de 3 a 8 anos e é necesario recoller convite na Biblioteca Rego da Balsa.

Dirixido a nais e pais, terá lugar un obradoiro de Descubrimento da disciplina positiva, que se desenvolverá no Pazo da Cultura o xoves 10 de maio. Nel poden participar 30 persoas, e o prazo de inscrición –que debe facerse a través do Servizo de Normalización Lingüística– comeza o día 3 de maio. O obradoiro será impartido por Raquel Bello, psicóloga e guía en disciplina positiva de Espazo Oikos.

Achegándose ao Día das Letras Galegas, o martes 15 de maio a Biblioteca Rego da Balsa acolle o obradoiro María Victoria Moreno, unha historia de amor, a cargo de Polo Correo do Vento, dirixido a nenos/as a partir de 3 anos, no que se traballará sobre a autora homenaxeada coas Letras Galegas neste ano.

Xa contra finais de maio desenvolveranse dous Obradoiros prácticos Montessori no Pazo da Cultura, un para familias con nenos/as de 3 a 5 anos, que terá lugar o martes 22 pola tarde, e outro para familias con bebés de 0 a 12 meses, o xoves 24 pola mañá. Para ambos a inscrición comeza o día 15 de maio, e debe facerse a través do Servizo de Normalización Lingüística. Serán impartidos por Giovanna Pose, guía Montessori de Aura Carballo.

No mes de xuño a primeira das actividades está pensada para bebés de 0 a 4 anos, e trátase do espectáculo músico-teatral Gatuxo, unha proposta de Magín Blanco e compañía con música, teatro, contos e moito máis. Será o mércores 6 de xuño, ás 18.00 h, no auditorio do Pazo da Cultura, e a recollida de convites comezará o 30 de maio.

Ese mesmo día, pero para máis grandiños/as, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá Gliz. O pastor de nubes e o pintor de flores, un contacontos de Anxo Fariña para nenos/as a partir de 5 anos.

E, finalmente, pouco antes de comezaren as festas de San Xoán, tamén a Biblioteca Rego da Balsa acollerá a última das actividades deste programa en xuño, que será o contacontos musical Musicreques, para bebés de 0 a 3 anos.

Ademais, animamos tamén a todas aquelas persoas que están a agardar un bebé a que pasen polo Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Cultura (981 704 304; nelvidal@carballo.gal), para inscribirse no proxecto Apego e para recibir, ademais de información, tamén a caixiña cos materiais de benvida ao mundo.

Ligazóns

Descargas

Compartir: