Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

LETRAS GALEGAS 2018

O CEIP San Luís Romero gaña o concurso da Secretaría Xeral de Política Lingüística co traballo “Victoria Moreno, mestra con alma”

O colexio recibirá un premio en metálico de 2.000 euros e os 10 carteis que integran a exposición gañadora poderán verse en preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior

Martes 6 de marzo do 2018

O CEIP Xesús San Luís Romero gañou o Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na modalidade de educación infantil e primaria, co traballo Victoria Moreno, mestra con alma. En secundaria o gañador foi o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra. O Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo da Xunta de Galicia publican hoxe a resolución da convocatoria, que tiña como finalidade elaborar una exposición sobre a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2018, Mª Victoria Moreno Márquez.

Os dous centros gañadores recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros cada un e o profesorado implicado, unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas imprimiranse e distribuiranse en preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Mª Victoria Moreno, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.

Os dous proxectos didácticos estarán tamén nas vindeiras semanas a disposición do público no Portal da Lingua Galega, canda outros materiais especialmente elaborados para conmemorar as Letras Galegas.

Os carteis que integran a exposición do CEIP Xesús San Luís Romero foron elaborados polo alumnado con diversos materiais e técnicas. O resultado, en opinión do xurado, é “unha serie de carteis dunha gran beleza e calidade plástica, moi orixinais e innovadores, ao incluír códigos QR que animan o alumnado e o profesorado a ampliar a información sobre a autora homenaxeada e pictogramas, para favorecer a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais. A cabeza e as pegadas da cadela Alma, que é tamén a sorprendente voz narradora, danlle unidade ao conxunto”.

Compartir: