Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

ENVÍA O TEU VÍDEO A TRAVÉS DE WWW.ENREGUEIFATE.GAL ANTES DO 15 DE ABRIL

Avanza o proxecto Enreguéifate co inicio do certame e os obradoiros nos institutos de Carballo

Desde hoxe, 5 de marzo, e ata o día 16, teñen lugar obradoiros de regueifa en todos os institutos de Carballo

Luns 5 de marzo do 2018

Os obradoiros comezaron hoxe no IES Parga Pondal con Alba María e Lupe Blanco

Os obradoiros comezaron hoxe no IES Parga Pondal con Alba María e Lupe Blanco

Comeza o certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, no que calquera persoa interesada pode participar cunha regueifa en vídeo até o vindeiro 15 de abril. Para participar neste concurso, incluído dentro do proxecto Enreguéifate, organizado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo –desde os seus servizos de normalización lingüística–, debe enviarse un vídeo regueifando a través do sitio web www.enregueifate.gal.

A inscrición é aberta e de balde, e existen dúas categorías: unha xeral e outra escolar. A temática é libre, pero entre outros requisitos debe terse en conta que o vídeo non poderá superar os 3 minutos de duración e que nel deberán saír cando menos dúas persoas regueifando en lingua galega. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

A entrega de premios terá lugar o 2 de maio de 2018 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta. Esta cita constitúe un punto de encontro de escolares de toda Galicia e doutros lugares coma Euskadi arredor da improvisación oral en verso. A ela acudiron o pasado ano unhas mil persoas e desta volta agárdase dobrar esta cifra.

Obradoiros de regueifa nos IES de Carballo

Os obradoiros de regueifa desenvolveranse ata o día 16

Os obradoiros de regueifa desenvolveranse ata o día 16

Para poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica, difundila e tamén para promover a participación no certame dende o ámbito escolar, dentro do proxecto desenvólvense accións formativas dirixidas ao alumnado e ao profesorado. Así, o pasado 17 de febreiro tivo lugar en Carballo a Xornada Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral, á que acudiron máis de 70 persoas relacionadas co mundo da docencia. Asemade, nos centros educativos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo desenvólvense nestes meses os obradoiros de improvisación oral Enreguéifate, cos que o alumnado aprende métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa.

En Carballo estes obradoiros comezan hoxe, luns 5 de marzo, e desenvolveranse ata o día 16. Neles participará todo o alumnado de 1º da ESO do IES Parga Pondal e IES Monte Neme, coa colaboración dos respectivos Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, e do IES Alfredo Brañas, neste caso coa colaboración do equipo directivo do centro.

Nestes obradoiros, impartidos polas regueifeiras Lupe Blanco e Alba María e polo regueifeiro Josinho da Teixeira, traballarase de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade.

PROGRAMA

LUNS 5 DE MARZO
Dous obradoiros no IES PARGA PONDAL: 1.º De 9.20 h a 11.00 h (Alba María) 2.º De 11.30 h a 13.10 h (Alba María e Lupe Blanco)

MARTES 6 DE MARZO
Dous obradoiros no IES PARGA PONDAL: 1.º De 9.20 h a 11.00 h (Alba María e Josinho da Teixeira)2.º De 11.30 h a 13.10 h (Alba María e Josinho da Teixeira)

MARTES 13 DE MARZO
Dous obradoiros pola mañá e un pola tarde no IES ALFREDO BRAÑAS: 1.º De 9.20 h a 11.00 h (1ºD) (Alba María e Josinho da Teixeira) 2.º De 12.20 h a 14.00 h (1º A) (Alba María e Josinho da Teixeira) 3.º De 16.15 h a 17.55 h (1º B) (Lupe Blanco e Alba María)

XOVES 15 DE MARZO
Dous obradoiros: 1.º De 11.30 h a 13.10 no IES ALFREDO BRAÑAS (1º C) (Lupe Blanco e Alba María) 2.º De 16.40 h a 18.20 h no IES ISIDRO PARGA PONDAL (Lupe Blanco e Alba María)

VENRES 16 DE MARZO
Dous obradoiros pola mañá no IES MONTE NEME: 1.º De 10.35 h a 12.15 h (Lupe Blanco e Josinho da Teixeira) 2.º De 12.30 h a 14.10 h (Lupe Blanco e Josinho da Teixeira)

Compartir: