Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

XORNADA ENREGUÉIFATE EN CARBALLO

Sesenta docentes participan este sábado na xornada de aproveitamento educativo da regueifa

Este encontro formativo para profesorado é o punto de arranque dun proxecto que inclúe tamén obradoiros nos centros de ensino de secundaria, un concurso de regueifas e un encontro regueifeiro con participantes de toda Galicia, Euskadi

Venres 16 de febreiro do 2018

Sesenta profesores e profesoras de diversos institutos do país participarán este sábado 17 no Fórum Carballo na Xornada Enreguéifate, que ten como obxectivo principal o de dotar de ferramentas e recursos didácticos o profesorado para o aproveitamento educativo da improvisación oral e dar a coñecer, valorar, compartir e avaliar experiencias, recursos e materiais positivos e aproveitables de usos didácticos da regueifa e a improvisación oral no ensino.

O Mexillón acolleu en decembro outra regueifa organizada polo Concello de Carballo

O Mexillón acolleu en decembro outra regueifa organizada polo Concello de Carballo

A xornada comezará –despois da inauguración ás 9.45 h por parte de representantes municipais– coa presentación do proxecto Enreguéifate por parte do técnico de Normalización Lingüística de Carballo, Nel Vidal, e a continuación, o profesor de música e director do IES Maximino Romero Lema de Baio presentará o proxecto Regueifesta. Despois dun café, as regueifeiras Alba María e Sara Marchena falarán da regueifa 2.0 para educar en igualdade, e o profesor de lingua Séchu Sende fará unha panorámica pola improvisación oral a nivel internacional. Tras un xantar conxunto, pola tarde, a partir das 16.30 h, falarase do pasado, presente e futuro da regueifa en Bergantiños, o que farán Antonio de Xornes, regueifeiro histórico da comarca, Lupe Blanco, moza regueifeira bergantiñá, e Alba María Rodríguez, autora do recente libro Regueifa en Bergantiños. Finalmente traballaranse metodoloxías para o ensino e aprendizaxe a través da lingua e da música, o que fará Manolo Maseda e Séchu Sende.

Pero, como non convén falar de regueifa sen regueifar, a xornada rematará, xa nun ambiente máis distendido e festeiro, cunha foliada de improvisación, na que todos os regueifeiros e regueifeiras participantes (Lupe Blanco, Antonio de Xornes, Alba María, Sara Marchena, Séchu Sende, Manolo Maseda e quen se queira sumar a eles/as) improvisarán, a partir das 19.00 h, na Taberna O Mexillón.

Próximas accións

Ademais desta formación para o profesorado, o proxecto Enreguéifate inclúe formación para o alumnado, concurso de regueifa e un encontro. Así, en Carballo haberá nas próximas semanas unha ducia de obradoiros para todo o alumando de 1.º da ESO e, ademais, un obradoiro para público xeral para todas as persoas interesadas en coñecer máis, aprender e practicar este arte da improvisación orla en verso. Ademais, convocarase un concurso de regueifa en vídeo, no que haberá unha categoría escolar e unha xeral, e a comezos de maio terá lugar en Santiago de Compostela un encontro de todas as persoas participantes, ao que acudirán tamén improvisadores/as de Cataluña e Euskadi.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), para apoiar a difusión da improvisación oral en verso e contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Con este proxecto preténdese contribuír á modernización da creación cultural e contribuír tamén á actualización da nosa tradición e ao fomento da lingua. A regueifa é un importante elemento do patrimonio cultural inmaterial galego, e a intención do proxecto é darlle ao imaxinario tradicional unha funcionalidade no momento actual, crear tradición en activo, ou activar a tradición e actualizala cos valores da igualdade e a xustiza social e coa enerxía da xente nova.

Descargas

Compartir: