Cincuenta comercios súmanse á iniciativa de Normalización Lingüística para que non se deixe de dicir qrtm8
Onte o alumnado de 3º da ESO de todos os centros de Carballo atopou enriba dos pupitres o folleto coa mensaxe “Non podo resistirme. Téñocho que dicir...”
Sábado 3 de febreiro do 2018
Alumnado do IES Isidro Parga Pondal, co folleto da campaña
Como o amor tamén se pode expresar con agasallos, desde o Servizo de Normalización Lingüística implicamos na campaña qrtm8 a 50 comercios de Carballo, que estes días visibilizan nos seus establecementos e escaparates o lema qrtm8 a través de paneis e soportes e tamén utilizándoo nun adhesivo no empaquetado dos agasallos. Entre estes comercios hai xoiarías, tendas de roupa e calzado, librarías, lencerías, tendas e licores e alimentación...
Escaparate dun dos 50 comercios participantes
Deste xeito, ademais das novas tecnoloxías, a lingua e o amor, esta campaña de fomento do galego que se desenvolve entre o día da Candeloria e o de San Valentín tamén vincula ao comercio para que non se deixe de dicir qrtm8, forma acurtada en galego nas redes sociais de “quérote moito”. De feito, toda a campaña usa estética e simboloxía da rede social Instagram, e tamén inclúe un concurso nesa mesma rede, usada maioritariamente pola xente nova.
Por iso, onte, para comezar a iniciativa, todas as alumnas e alumnos a partir de 3º da ESO de todos os centros de Carballo atoparon enriba do seu pupitre un papel que poñía “Non pode resistirme. Téñocho que dicir...”, e ao abrilo puideron ler cal era esa mensaxe: qrtm8.
Un alumno, cun dos adhesivos que se utilizarán nos agasallos
Nese mesmo folleto atopan un convite para visibilizar amor, tamén en Instagram, e facéndoo cunha foto en Carballo e unha frase suxestiva en galego coas etiquetas #qrtm8 e #Carballo, etiquetando o perfil de @TurismoCarballo, e así participar no concurso que ten por premios ás dúas mellores publicacións (unha por número de gústame e outra por selección da organización) os últimos discos de Ses, MJPérez e Chicharrón e mais unha torre de son ben xeitosa para poder escoitar eses discos e moita outra música en galego. O prazo de participación no concurso vai do 2 ao 14 de febreiro e, para participar, hai que ter cumpridos os 14 anos.