EMPEZAMOS MAÑÁ MARTES COS "BABYCONTOS" DE TÓTEM
Alberto e o seu fillo Xoán danvos a benvida a outro ano que queremos encher de actividades con Apego
Contacontos, música, xogos e obradoiros, na programación do primeiro trimestre do 2018 para as familias con nenos e nenas de cero a oito anos
Luns 22 de xaneiro do 2018
O pequeno Xoán e o seu papá son membros da familia de Apego en Carballo
O programa Apego non naceu en Carballo por casualidade, senón porque representa un xeito de entender a política lingüística: “Hai políticas que á forza teñen que ser transversais, e as políticas de promoción e socialización da lingua galega á forza teñen que ser transversais”, sinala o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira. El foi un dos encargados de presentar hoxe, xunto co normalizador lingüístico do Concello, Nel Vidal, e o alcalde, Evencio Ferrero, o programa de actividades con Apego que se desenvolverán ao longo deste primeiro trimestre do ano, a partir de mañá mesmo, e que podes descargar máis abaixo. Pero nesta ocasión tamén nos convidan a participar prestándonos a súa imaxe Alberto e Xoán, pai e fillo, usuarios do programa.
Nel Vidal, Evencio Ferrero e Xosé Regueira
Apego simboliza á perfección a transversalidade á que aludiu Xosé Regueira. Por unha banda, porque “vai compilar nun programa o que facemos en distintas áreas do goberno”, pero tamén porque significa que a programación cultural no noso concello chega a todas as idades. “Carballo ten a sorte de ser un dos poucos concellos galegos que programa para todas as idades, e programar para bebés, porque consideramos que formar á sociedade desde os primeiros pasos é importante, e formala en algo tan importante como o noso propio idioma para que no futuro poidan desenvolver a súa actividade no seu propio idioma”, engadiu o concelleiro de Normalización Lingüística.
Na mesma liña, Evencio Ferrero aludiu á obriga do Concello, como berce do programa Apego, de “impulsalo”, e destacou que con este tipo de actividades “estamos creando espectadores do futuro, pero tamén estamos transmitindo que os valores do idioma que nos identifica, que nos é propio, teñen que permanecer nos primeiros anos de vida das persoas que nacen entre nós”.
De feito, como lembrou Nel Vidal, ademais das actividades que se levan a cabo baixo o paraugas do programa, Apego ofrece tamén outro tipo de recursos, tanto físicos coma virtuais, para facilitar a socialización en galego dos nenos e as nenas de cero a oito anos.