O proxecto Apego, nacido en Carballo, recolle hoxe o Premio da Cultura Galega
Evencio Ferrero asistirá ao acto de entrega do galardón, que concede a Xunta de Galicia
Martes 12 de decembro do 2017
A Cidade da Cultura, na capital galega, acolle esta tarde a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega, outorgados pola Xunta de Galicia, e que na modalidade de Lingua lle foi concedido este ano ao proxecto Apego, unha iniciativa con tres anos de vida e xurdida na factoría de ideas do Curso de verán de dinamización lingüística que cada ano ten lugar en Carballo.
Apego naceu para incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia, e o traballo, que cómpre fortalecer para ese obxectivo, está sendo recoñecido, algo que desde a organización agradecen e polo que, ademais, felicitan a toda a comunidade Apego, pois alén deste galardón tamén lle foi outorgado este ano o Rosalía de Castro de Lingua que concede a Deputación da Coruña, polo tanto, os dous máximos recoñecementos para un proxecto de normalización lingüística.
Tres anos de historia
Esta iniciativa, posta en marcha en 2015 e nacida no seo da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é desenvolvida desde os servizos de normalización lingüística de 30 concellos: A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo. Deste xeito, o proxecto Apego chega a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.
Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma
Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc. Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente máis de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.
Na gala de entrega dos Premios da Cultura que esta tarde de martes, a partir das 19.00 h, terá lugar no Gaiás participarán representantes dos 30 concellos implicados, entre eles o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e mais o técnico de normalización lingüística, Nel Vidal.