Fálame sempre!
Nova edición do Club de Debate para mozas e mozos que teñan #moitoquedicir
Xa está aberto o prazo para inscribir equipos nesta actividade dirixida ao alumnado de 3.º, 4.º da ESO, bacharelato e ciclos formativos
Martes 21 de novembro do 2017
O Club de Debate é un programa promovido e organizado desde hai uns anos polos servizos de normalización lingüística de varios concellos, entre eles o de Carballo, que pretende promover o pensamento crítico e analítico, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo á vez que impulsa os usos orais en lingua galega en contextos formais e informais. Na pasada edición foron máis de 200 rapaces e rapazas participantes distribuídos/as en 27 equipos, dous deles de Carballo. Eses equipos son sempre mixtos e están formados por entre 4 e 10 alumnos/as e un profesor ou profesora coordinador/a
O prazo inicial de inscrición está aberto ata o 30 de novembro, e a xornada de formación para os equipos está prevista para xaneiro. Despois haberá debates de zona, que terán lugar sempre antes do 8 de abril, e a final galega está prevista para comezos do mes de maio. O tema seleccionado para esa final é: As TIC favorecen o uso do galego, e os temas das fases de zona están aínda por determinar.
Os equipos clasificados de cada zona no 1.º e 2.º posto recibirán un premio de 500 e 300 euros respectivamente, e o equipo gañador absoluto será premiado cunha viaxe multiaventura dunha fin de semana en grupo na que se inclúen contidos culturais e lingüísticos.
Os centros de Carballo interesados en participar nesta convocatoria do curso 2017-2018 poden contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello até o 30 de novembro, no teléfono 981 704 304 ou no correo nelvidal@carballo.gal.