Dezasete persoas de oito nacionalidades comezan en Carballo a coñeceren a lingua e cultura galegas
Hoxe empeza o obradoiro para o acollemento lingüístico e cultural
Xoves 2 de novembro do 2017
Chegan a Carballo desde a República Dominicana, Colombia, China, Venezuela, Uruguai, Brasil, Paraguai ou da Comunidade Valenciana e queren aprender galego. Un total de 17 persoas de tres continentes e oito países comezan hoxe, xoves 2 de novembro, en Carballo, un Obradoiro para o acollemento lingüístico e cultural.
Xente que non naceu en Galicia, mais á que lle apetece coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, a troula ou o polbo. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Persoas ás que lle gustaría que lle dixesen: "Que rápido aprendiches a falar galego!"?
Neste obradoiro práctico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, que ten lugar entre o 2 de novembro e o 21 de decembro de 2017, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. A primeira sesión ten lugar hoxe, xoves 2, ás 19.00 h, na Aula 5 do Fórum Carballo.
Obradoiros coma este xa se veñen realizando en Carballo desde o ano 2005, cunha moi boa acollida e con bos resultados.