Gustaríache que che dixesen: “Que rápido aprendiches a falar galego!”?
OBRADOIRO EN CARBALLO PARA QUE AS PERSOAS NON NACIDAS EN GALICIA POIDAN IR COÑECENDO MELLOR A LINGUA E CULTURA GALEGAS
Luns 16 de outubro do 2017
«Non naciches en Galicia e apetéceche coñecer costumes de aquí ao mesmo tempo que dás a coñecer os teus? Queres saber que é un carballo, o agarimo, a troula ou o polbo? Gustaríache coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para acceder mellor a un traballo aquí? Gustaríache que che dixesen: “Que rápido aprendiches a falar galego!”?»
Estas son algunhas das preguntas que desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo lle lanzan ás persoas nacidas fóra de Galicia para espertarlles o seu interese en participar nunha nova edición do Obradoiro de acollemento lingüístico e cultural que organiza, co obxectivo de que comecen a ser novas galegas e novos galegos e a ter un primeiro contacto formativo coa nosa lingua e cultura, o que lles pode ser de grande utilidade para, por exemplo, acceder ao mundo laboral ou coñecer mellor a nosa sociedade.
Neste obradoiro práctico, que terá lugar entre o 2 de novembro e o 21 de decembro de 2017, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. As sesións terán lugar os martes e xoves de 19.00 h a 21.00 h. A inscrición, que é gratuíta, pode facerse en horario de mañá no Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Cultura. O prazo está aberto ata o 30 de outubro.
Obradoiros coma este xa se veñen realizando en Carballo desde o ano 2005, cunha moi boa acollida e con bos resultados.
Obradoiro de acollemento lingüístico e cultural
Datas: do 2 de novembro ao 21 de decembro de 2017, os martes e xoves
Horario: de 19.00 h a 21.00
Prezo: gratuíto
Prazo de inscrición: ata o 30 de outubro
Lugar de inscrición e + info [En horario de mañá]: Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Pazo da Cultura. Rúa do Pan s/n. Carballo 981 704 304 | nelvidal@carballo.gal