Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Comezamos un outono cargado de actividade para as familias con Apego

O Concello de Carballo aposta por un programa transversal que reúne diferentes recursos das distintas áreas municipais

Luns 2 de outubro do 2017

Nel Vidal, Evencio Ferrero e Xosé Regueira, na Biblioteca Rego da Balsa

Nel Vidal, Evencio Ferrero e Xosé Regueira, na Biblioteca Rego da Balsa

Carballo foi o berce do programa Apego e segue sendo un dos concellos locomotora deste proxecto, que, tal como explica Nel Vidal, técnico da Concellería de Normalización Lingüística, trata de facilitar a socialización en galego dos nenos e nenas, achegando para iso tanto materiais físicos e virtuais como actividades formativas e informativas para nais e pais e de dinamización cultural para os seus fillos e fillas. Estas últimas, precisamente, foron as que o propio Nel Vidal, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, presentou hoxe na Biblioteca Rego da Balsa.

A Concellaría de Promoción Económica é, de feito, unha das que achega propostas á programación, porque Apego convértese en Carballo nun programa transversal que “compila toda a oferta para o público familiar dos distintos departamentos do Concello”, explicou Nel Vidal. E, deste xeito, inclúe os obradoiros que xa se están a levar a cabo no Horto Infantil Ecolóxico Municipal (aínda quedan prazas para nenos e nenas de primaria), ou as novas actividades de dinamización da Ludoteca Municipal, que a partir de mañá, e ata fin de ano, ofrecerá todos os martes e os xoves obradoiros, actuacións e outras propostas para cativos e cativas de 3 a 8 anos de idade.

Desde o 9 deste mes ata o 17 de decembro teremos obradoiros para pais e nais, contacontos, concertos e moitas outras propostas que encherán de actividade o outono para as familias con Apego

De todas estas iniciativas atoparedes información no programa adxunto, no que ademais figuran as actividades que achegan as concellarías de Cultura e Normalización Lingüística. Así, desde o 9 deste mes ata o 17 de decembro teremos obradoiros para pais e nais, contacontos solidarios, para bebés que aínda non andan e para os que xa van ao cole, concertos da Banda dos Cueiros e de María do Ceo e moitas outras propostas que encherán de actividade o outono para as familias con Apego.

Recoñecementos

O programa vén de recibir este ano o Premio Rosalía de Castro e o Premio da Cultura Galega, os dous galardóns máis importantes aos que, como resaltou Nel Vidal, podería optar. Xa son 30 os concellos adheridos, que agrupan a máis da metade da poboación galega, pero o alcalde cre que deben ser aínda máis, e nese sentido fixo un chamamento aos que aínda non forman parte do programa para que se sumen.

Para Xosé Regueira, a propia existencia de Apego é “unha boa nova para a infancia, para Carballo e para Galicia”, do mesmo xeito que o son o propio programa de actividades presentado hoxe ou o material que o proxecto pon a disposición das familias. Neste sentido, nos vindeiros días procederase á entrega dunha serie de material ás escolas infantís do concello para que tamén poidan facilitar a socialización da infancia en galego.

Descargas

Compartir: