Concello de Carballo e UDC renovan a colaboración para a 13ª edición do curso de verán sobre dinamización lingüística
#traballandoenlingua reunirá no Fórum Carballo a profesionais do mundo da música como Sés, Mini e Mero, Xurxo Souto, Ugia Pedreira, Rosa Cedrón, M.J. Pérez ou Sonia Lebedynski
Xoves 13 de xullo do 2017
Despois de 12 anos #traballandoenlingua, na súa 13ª edición o curso de verán sobre dinamización lingüística terá música ademais de letra. Arredor dese sector, tan representativo da cultura galega e tan importante no proceso de normalización lingüística, xirará o programa de traballo que se desenvolverá os días 18 e 19 deste mes no Fórum Carballo grazas a un novo convenio entre o Concello e a UDC. O alcalde, Evencio Ferrero, e o reitor, Julio Abalde, asinaron hoxe o protocolo de colaboración, nun acto no que tamén estiveron presentes a coordinadora do curso, Marisol Ríos; o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich, e a concelleira Milagros Lantes.
“Para nós é sempre unha responsabilidade, pero tamén un motivo de orgullo ver como dos cursos organizados xurdiron iniciativas como os programas Apego ou Youtubeir@s, e supoño que este ano tamén sairán ideas interesantes”, manifestou Evencio Ferrero. O alcalde reiterou o apoio do Concello de Carballo e agradeceu á UDC “que siga elixindo Carballo como sede”.
Ferrero e Abalde pecharon o acordo cun apertón de mans
Abalde asegurou que para a UDC é “un pracer” manter no tempo a colaboración co Concello de Carballo, e engadiu que “traballar pola dinamización lingüística ten que ser unha obriga dunha universidade pública e galega como é a nosa”. O reitor coincidiu co alcalde en destacar a importancia de que dos asuntos abordados nos cursos xurdan novas “liñas de actuación para traballar a prol da lingua”.
Programa
Mércores 19 de xullo
9.30-10.00: recepción e entrega de documentación
10.00-10.30: inauguración e benvida: Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; Julio Abalde, reitor da UDC; Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Representante da CTNL, e Marisol Ríos Noia, coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC
10.30-11.30: "A creación musical en linguas minoritarias e minorizadas", relatorio de María Xosé Silvar "SES"
11.30-12.00: café conxunto
12.00-13.00: "Aproximación ao léxico dos instrumentos tradicionais galegos", relatorio de Pablo Carpintero
13.00-14.30: "A asunción do galego máis aló da música", mesa redonda con Mini, Mero e Pilocha
14.30: xantar conxunto
16.30-17.30: "Como mellorarmos a lingua a través do cancioneiro tradicional", relatorio de Xosé Manuel Sánchez Rei
17.30-18.45: "A xestión e a produción da música en galego desde o sector empresarial" mesa redonda con Arturo Baquero, Eloi Caldeiro, Patricia Hermida e Segundo Grandío
18.45-19.00: descanso
19.20.30: obradoiro de regueifa con Moncho do Orzán
Xoves 20 de xullo
10.00-11.00: "Aproximación a unha historia do rock en galego", relatorio de Xurxo Souto
11.00-12.00: "Lingua e música para as xeracións máis novas. A proposta do concurso Quero cantar", relatorio de Goretti Sanmartín Rei
12.00-12.30: café conxunto
12.30-14.00: "Cantar en galego e cantar en feminino: a importancia da voz da muller na música galega", mesa redonda con Rosa Cedrón, Sonia Lebedynski, Ugia Pedreira e M.J. Pérez
14.30: xantar conxunto
16.30-17.30: "A recollida de poesía e música oral en galego na actualidade", relatorio de Olga Kirk e Pablo Díaz
17.30-18.30: "Literatura, lingua e música", relatorio de César Carlos Morán Fraga
18.30-19.00: descanso
19.00-20.30: obradoiro de cantos de taberna con Ricardo Seixo
Participación
O curso de verán está destinado a persoas interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega (técnicas/os de normalización, docentes, estudantado, profesorado, técnicos/as de cultura...) e persoas vinculadas ao tecido musical a través de asociacións, empresas, grupos, músicos/as...
O prezo da matrícula é de 50 euros para o público en xeral e de 30 para estudantes, persoas desempregadas e socios/as da CTNL. Inclúe material, cafés e xantares. Hai 65 prazas e o prazo de matrícula amplíase até o día 16.