Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

O curso de verán sobre dinamización lingüística Traballando en Lingua centrarase este ano no sector da música

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinarán este xoves o convenio de colaboración

Luns 10 de xullo do 2017

Imaxe da inauguración do ano pasado

Imaxe da inauguración do ano pasado

Este ano seguiremos #traballandoenlingua en Carballo, desta volta para analizar o futuro do idioma a través da música. O noso concello volve a ser a sede do curso de verán sobre dinamización lingüística organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL).

O curso celebrarase os días 19 e 20 deste mes no Fórum Carballo, e o prazo de inscrición está aberto até o 13. Este xoves estará na Casa do Concello o reitor da UDC, Julio Abalde, para asinar o convenio de colaboración co alcalde, Evencio Ferrero.

O obxectivo este ano é analizar a situación do galego no ámbito musical e as claves para conseguir que mellore de cara ao futuro, dado que pode ser un sector moi representativo. Neste sentido daranse a coñecer experiencias positivas con respecto ao uso da lingua galega nese ámbito, proporanse medidas de cara a mellorar o uso e o prestixio de lingua galega nese campo, e, por último, tratarase de reflectir de que maneira a música en galego pode contribuír ao proceso de normalización lingüística.

Este ano no curso de verán de Carballo participarán relatores como Sés, Xurxo Souto, Mini, Mero e Pilocha, Rosa Cedrón, Sonia Lebedynski, Ugia Pedreira ou M.J. Pérez, entre outras.

Ligazóns

Compartir: