Youtubeir@s entrega os premios aos mellores vídeos en galego do YouTube
Máis de 200 vídeos participan nesta primeira edición do concurso, que remata cunha gala este venres ás 20 horas o Teatro Principal de Ourense
Mércores 24 de maio do 2017
"Teño unha horta en San Sadurniño", mellor webserie orixinal en galego do Carballo Interplay, é unha das finalistas
Este venres 26 de maio ás 20.00h terá lugar no Teatro Principal de Ourense a Entrega de Premios de Youtubeir@s - Concurso de vídeos na Rede. O acto será presentado pola actriz e cómica Iria Pinheiro, contará co monólogo “E non te esquezas da miniatura!” a cargo de Iñaki Quenerapú e coa mestura en directo de tódolos vídeos participantes nesta edición da man da vídeo-DJ Marta Verde.
A asistencia é aberta e de balde. Pódense recoller as entradas a partir das 18.00h deste venres na billeteira do Teatro Principal
Neste momento xa se poden ver na canle de Youtube de Youtubeir@s os vídeos finalistas das dúas categorías: vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. No acto coñeceranse os nomes das persoas gañadoras que recibirán un trofeo e un premio de 1.000€. Entre os vídeos que optan a este galardón unhas mulleres de San Sadurniño explican como plantar cacahuetes e opinan sobre a praga que está afectando ás patacas, unha moza de Ribeira explica como facer un guiso Anti-San Valentín, un rapaz de Santiago de Compostela mostra como facer un vídeo e unha rapaza de Ourense reflexiona sobre o galego mentres que dende Vimianzo, outra youtubeira debate sobre o seu corpo. Entre os máis de 200 vídeos participantes premiaranse os que destaquen polo seu enxeño e creatividade, pola súa eficiencia comunicativa, pola súa calidade técnica e a súa calidade lingüística. Coñeceranse ás persoas gañadoras con 500€ destas catro mencións honoríficas na Entrega de Premios. A asistencia é aberta e de balde. Pódense recoller as entradas a partir das 18.00h deste venres na billeteira do Teatro Principal.
Youtubeir@s é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Toda a información sobre o Concurso en www.youtubeiras.gal.