Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Este ano as Letras Galegas escríbense con C de Carballo

O Concello convida á cidadanía a unha conversa en clave cultural arredor da figura de Carlos Casares

Venres 12 de maio do 2017

Este ano as Letras Galegas escríbense con “c” de Carlos Casares... e de Carballo. Bótalle unha ollada á nosa programación e comprobarás que arredor do 17 de maio xorden as máis diversas manifestacións culturais: literatura por suposto, pero tamén teatro,  etnografía, monólogos, pop, música clásica, arte, baloncesto e mesmo sendeirismo. E aínda que pareza que non teñen nada que ver entre si, todas estas actividades teñen unha cousa en común: que che permiten usar e compartir a túa lingua sen restricións, sen límites e sen dereitos reservados. Esa é a nosa mensaxe para o Día das Letras Galegas e para todos os días do ano.

O programa, que podes consultar con detalle no documento anexo, arrancou xa esta semana con dúas actividades nas que Carlos Casares estivo moi presente; por unha banda, a presentación do libro de Henrique Monteagudo o mércores e, por outra, a sesión de contos de Bandullo Azul o xoves. E este domingo volvemos á carga con Vagalume Animación, que nos ofrecerá unha sesión teatral dobre. A escena estará moi presente ao longo de todo o mes, e mesmo nos primeiros días de xuño, porque ademais de Vagalume Animación, que ofrecerá dúas representacións máis os días 20 e 21, contaremos con Sergio Pazos, Víctor Grande e David Perdomo nos Monólogos R, e gozaremos coas novas montaxes da Aula de Teatro Municipal, que tamén ten programadas tres funcións para os días 3, 4 e 8 de xuño.

Inscríbete para a lectura colectiva do día 17

Teremos música de todos os estilos e para todos os públicos, unhas xornadas arredor do traxe tradicional galego, presentacións literarias e moitas outras actividades. Pero a xornada central desta gran conversa cultural cidadá será o mércores 17, con 650 nenos e nenas no Pequebasket da Escola Basket Xiria, o tradicional concurso de pintura de Lumieira e “As letras en voces”, unha lectura pública e colectiva na que todas e todos podedes participar. Só tedes que inscribirvos no Pazo da Cultura ou no teléfono 981 704 300.

Descargas

Compartir: