Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Ao certame presentáronse 42 traballos

A médica Iria Veiga gaña o XIII Premio a artigos xornalísticos de lingua Concello de Carballo

O galardón, dotado con 1.250 euros e a publicación nos medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo “Inchazón”

Martes 9 de maio do 2017

Iria Veiga Ramos

Iria Veiga Ramos

O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse hoxe, martes 9 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 42 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Inchazón», de Iria Veiga Ramos.

Segundo indicou na acta, o xurado recoñeceu «a súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circular que pon de relevo a relación entre lingua e poder social. A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma, nomeadamente na sanidade, mais tamén, en xeral, en todos os ámbitos e sectores de prestixio».

Iria Veiga Ramos é veciña de Santiago de Compostela e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Está interesada especialmente na divulgación científica e tamén a lingua, mantén o blog O outro lado do espello (www.espello.gal) e participa en iniciativas divulgadoras como Escépticos no Pub e Pint of Science.

O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Paula Vázquez, xornalista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.

O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», tamén que «valora positivamente os traballos presentados, a participación e o traballo individual dos/as autores/as para achegar argumentos favorables para a posta en valor do galego e para o proceso de normalización da lingua», polo que «animan a todos/as os/as participantes a intentaren publicar e difundir os seus artigos, aínda que estes non fosen premiados».

Nas doce edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa Tenreiro.

Nos próximos días anunciarase a data de entrega do premio e mais a da publicación do artigo gañador.  

Compartir: