Ampla representación da mocidade carballesa no Correlingua
Setenta rapaces e rapazas de 4.º de ESO do IES Isidro Parga Pondal participan o venres 5 de maio na carreira lúdica que se celebra na Coruña
Xoves 4 de maio do 2017
O Correlingua é unha actividade escolar, lúdica e reivindicativa que dura un curso e na que participan miles de alumnos e alumnas que son os verdadeiros protagonistas da actividade reflexionando sobre a situación do idioma e levando as súas reflexións á banda deseñada, o vídeo ou o manifesto que será lido nas doce localidades en que se celebrarán as festas finais. Este ano ten como lema “En galego, sen cancelas”.
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.
Correlingua é unha das maiores actividades normalizadoras, en canto a duración, extensión e persoas involucradas que se realiza no noso país. De feito, o pasado ano 2016 recibiu o premio Rosalía Castro a iniciativas normalizadoras da Deputación da Coruña. A importancia de contarmos con actividades coma o Correlingua que teñan por obxectivo a normalización plena da nosa lingua segue a ser unha necesidade a día de hoxe, como sinalan as tres entidades organizadoras CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Carreiras lúdicas
As carreiras lúdicas de final de festa do Correlingua comezaron o día 2 de maio en Monforte, e pasaron ou pasarán por Ourense, Lugo, A Coruña (este venres 5 de maio), Santiago de Compostela, Moaña, Viveiro, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Tui e A Estrada.
As festas finais contarán, por tanto, coa lectura do manifesto gañador, e a actuación dun dos grupos gañadores do Cantalingua, concurso de grupos de música. Este ano as festas serán presentadas e conducidas polo músico Luís “O Caruncho” e a actriz Isabel Risco.
O Correlingua conta coa colaboración de diversas institucións que axudan a que a actividade poida levarse a cabo. Os concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago, Ferrol e A Coruña, Teo, Carballo e San Sadurniño; e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. O Concello de Carballo, ademais de colaborar coa organización, tamén colabora desde o seu Servizo de Normalización Lingüística cos institutos que queren participar, facilitando o seu desprazamento á Coruña. Así, setenta rapaces e rapazas de 4.º de ESO do IES Isidro Parga Pondal participan mañá, venres 5 de maio, na carreira Correlingua na Coruña. Sairán de Carballo, desde o propio instituto, ás 8:45 h e partirán da Coruña ás 13:30 h.