O Concello de Carballo implícase na Semana do Libro e a Lectura como canle para a transmisión de valores á infancia
As actividades que se desenvolverán do 24 ao 28 deste mes no Pazo da Cultura agrúpanse baixo o lema “O mundo que queremos” e unha ilustración de Laura Tova
Mércores 19 de abril do 2017
O lema “O mundo que queremos” e un debuxo da carballesa Laura Tova motivan e ilustran a XII Semana do Libro e da Lectura de Carballo, que se celebrará no Pazo da Cultura do 24 ao 28 de abril, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o noso Concello, co patrocinio da Fundación Luis Calvo Sanz e a colaboración de Kalandraka e outras editoriais que cederon libros para o evento, como Baía, Cumio, Galaxia, OQO, Urco e Xerais. Será cinco intensísimos días pensados para e protagonizados polos máis cativos, os alumnos de infantil e primaria dos colexios carballeses máis o veciño CEIP Canosa-Rus.
Como en pasadas edicións, o programa deste ano repartirase en actividades de mañá (para o alumnado dos centros de ensino) e de tarde (abertas a todo o público). Música, poesía, contacontos, maxia, ciencia, debuxo, exposicións... todo cabe e nada falta nesta Semana que busca que todos entendamos que o único mundo bo e xusto posible, o mundo que queremos, é un mundo con libros.
A XII Semana do Libro e da Lectura de Carballo presentouse esta mañá no Pazo da Cultura nunha rolda de prensa na que interviñeron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; e Carmen Vilariño, en representación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Trigo salientou o interese da Semana “de poñer en valor todo o mundo da difusión do libro e da lectura, pero tamén para facer aos cativos partícipes deste traballo que leva xa meses ocupando ao alumnado dos colexios de Carballo máis o CEIP Canosa Rus”. Trigo agradeceu o esforzo de quen fixo posible as exposicións permanentes (tanto Kalandraka e as demais editoriais participantes como o Salón do Libro de Pontevedra) e, en especial, o da Fundación Luis Calvo, patrocinadora da Semana, “polo seu compromiso co mundo do libro e coa sociedade carballesa en xeral”.
Evencio Ferrero, Carmen Vilariño e Marcos Trigo, na presentación
Carmen Vilariño compartiu o agradecemento da Asociación Socio-Pedagóxica Galega ao Concello de Carballo, “pola súa implicación nesta campaña de fomento da lectura entre os máis pequenos, que é onde hai que crear escola”. Vilariño explicou o lema da Semana, ‘O mundo que queremos’: “Porque no mundo que queremos ten que haber libros, ten que haber lectura, para que sexamos unha sociedade do coñecemento: sen coñecemento, sen libro, moi mal imos, retrocedemos, por iso parécenos que, máis que nunca, é necesario incidir na promoción da lectura entre os máis pequenos”. Destacou tamén o traballo dos centro de ensino, “o máis importante da Semana: levan traballando meses e poderemos ver ese traballo na exposición das súas obras no Pazo, que reflicten perfectamente, polo que puiden ver, que o do libro e a lectura é o mundo que queremos”.
Evencio Ferrero: “Hai que soñar co mundo que queremos, cun mundo que permita a convivencia e a igualdade, e que todos os pobos se expresen con total liberdade”
O alcalde afondou no lema. “Hai que soñar co mundo que queremos, cun mundo que permita a convivencia e a igualdade, e que todos os pobos se expresen con total liberdade”. “A Semana –engadiu- é unha iniciativa que, ano tras ano, repite éxito, na que o compromiso e complicidade do profesorado é absoluta; sen a complicidade da comunidade educativa sería imposible ese éxito”. Ferrero falou tamén do deber dos concellos co libro e a lectura: “O traballo das administracións é implicarnos. Fago un chamamento para que este exemplo tan feliz prenda noutros concello de Galicia. Sería importante trasladarlle á poboación infantil novos valores, sobre todo valores baseados na educación, na formación, na lectura e mesmo na crítica”.
Actividades concertadas cos centros de ensino
O luns 24 (para o alumnado de 3° de primaria) están programados os obradoiros ‘Arte con bacterias’, con Vermislab (no que os rapaces e rapazas crearán de xeito artístico unha mostra de bacterias, imitando o seu comportamento e crecemento), ‘Se eu fose un verso’, co escritor Antón Cortizas (que proporá unha mirada á beleza das palabras a través da poesía) e ‘Trala porta’, coas artistas e ilustradoras Laura Tova e Alexandra Martínez (quen lle descubrirán aos nenos e nenas os segredos agochados tras as porta das casas).
O martes 25 (para o alumnado de 1° e 2° de primaria) Ghazafellos Teatro interpretará “Rubicundo”, unha adaptación desa obra da escritora ceense María Canosa na que caben o a música, o baile, o humor e o clown.
O mércores 26 (para os cativos e cativas e educación infantil) chegará ao pazo Odaiko cun espectáculo escénico e musical onde son protagonistas o humor e a creatividade.
O xoves 27 (para o alumnado de 5° de primaria) os talleres serán tres. Con ‘1, 2, 3, esta historia está do revés” a escritora Eli Ríos aprenderalles a escribir moreas de contos e historias coa volta dada e do dereito. En ‘Ciencia ou maxia’ Ceo Aberto seguirá o método científico para formular hipóteses e chegar conclusións que poderían parecer experiencias case máxicas. E a actriz e contacontos Soledad Felloza, no taller ‘A noite da visita e outros contos’, achegará aos rapaces e rapazas a tradición oral.
O venres 28 (para o alumnado de 3° e 5° de primaria) hai espazo para a plastilina condutiva con ‘Luces da miña cidade” e Ceo Aberto, un obradoiro para aprender con aquel material que permite que os nosos edificios incorporen luces e elementos eléctricos. Ademais, a ilustradora María Lires axudará aos nenos e nenas, no taller ‘Debuxando o mundo que queremos’, a construír unha grande ilustración comunal con lapis e papel. E, actividade final, o Mago Marco dará clase nunha Escola de Maxia como a de Harry Potter, para estimular a fantasía e a imaxinación dos aprendices, que fabricarán os seus propios trebellos máxicos. Este ano haberá un premio ao mellor traballo realizado polo alumnado nos obradoiros.
Tardes de contos e maxia
As actividades abertas a todo o público están programadas para a tarde. O luns 24 toca, ‘Contos e leiras’, con Daboapipa (Vero Rilo): contos que alimentan, cos que medramos e aprendemos a pasar pola vida. O martes, 25, ‘Camiñando entre estrelas’, con Ghazafelhos Teatro, nun viaxe polo cosmos. O mércores 26, ‘Bailar nas nubes’, con Soledad Felloza e unha amiga moi especial que soña con bailar coas nubes, pero a súa casa está pegada á terra moi lonxe do ceo. O xoves 27, ‘Un mundo redondo para contar contos’, con Andrea Bayer (Baobab Teatro), que nos levará a lugares afastados sen movernos do sitio. Clausurará a Semana o soprendente espectáculo de “Maxia para soñar’ do Mago Marco.
Exposicións permanentes
Tres son as exposicións que se poderán visitar durante toda a Semana no Pazo; de 9.30 a 14.00 horas, para os centros de ensino; de 18.00 a 20.00, para o público en xeral. Poderemos visitar a mostra que montará a editorial Kalandraka, tamén a dos libros cedidos polo Salón do Libro de Pontevedra, así como a expo dos traballos realizados polas alumnas e alumnos dos centros de ensino carballeses.