Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

As nenas e os nenos de cero a seis anos teñen unha programación cultural á súa medida grazas ao programa Apego

O proxecto, que naceu no noso concello, chega xa a 150 familias carballesas e a máis da metade da poboación galega

Mércores 12 de abril do 2017

Nel Vidal, Evencio Ferrero e Daniel Pérez, na presentación do programa de actividades

Nel Vidal, Evencio Ferrero e Daniel Pérez, na presentación do programa de actividades

No Concello de Carballo estamos especialmente orgullosos e orgullosas do programa Apego.  E temos razóns para estalo, porque naceu no noso concello, nun dos cursos de verán da Universidade da Coruña “Traballando en lingua”; porque en só dous anos de existencia agrupa a 150 familias carballesas e a máis da metade da poboación galega, e sobre todo porque está a conseguir que o galego sexa a lingua de uso habitual cada vez para máis nenas e os nenos. E como se logra iso? Pois co traballo que están a desenvolver persoas como Nel Vidal, normalizador lingüístico do Concello de Carballo e “un dos pais da criatura”, como o define o alcalde; coa colaboración de distintos departamentos municipais ou de persoal sanitario como a matrona do centro de saúde, e cun montón de actividades como as que presentaron hoxe os propios Nel Vidal e Evencio Ferrero e o concelleiro de Normalización Lingüística, Daniel Pérez.

As familias inscritas, que cada vez son máis, participan moi activamente no conxunto do programa, na proposta de actividades, dos recursos que se necesitan... e xa son 150 en Carballo e 2.000 en Galicia

O programa Apego en Carballo xa agrupa hoxe todas as actividades infantís que se organizan desde diferentes departamentos do Concello, como o de Normalización Lingüística, o de Cultura ou a Biblioteca Rego da Balsa, pero o obxectivo é que nos próximos meses se vaian incorporando outras áreas “para que deste xeito o programa Apego sexa o programa infantil do conxunto do Concello”, destacou Daniel Pérez. As nenas e os nenos carballeses de cero a seis anos (incluso ata oito) xa teñen, polo tanto, a súa propia programación cultural, cunha chea de propostas que podedes consultar no documento anexo.

Todo isto está a favorecer un elevado grao de fidelidade co programa, como destacou Nel Vidal: “As familias inscritas, que cada vez son máis, participan moi activamente no conxunto do programa, na proposta de actividades, dos recursos que se necesitan... e xa son 150 en Carballo e máis de 2.000 en Galicia”, manifestou.

Espazos de socialización

Dende o 19 de abril ata o 7 de xuño desenvolveranse “unha chea de actividades e espazos de animación, aprendizaxe, descubrimento e socialización nos que convidamos a participar a todas as familias de Carballo con bebés e nenas e nenos pequenos, e a través das cales se pode transmitir a lingua con apego”, manifestou o concelleiro de Normalización Lingüística, que animou ademais ás futuras mamás e papás a inscribirse para recibir información e tamén a caixiña cos materiais de benvida ao mundo. Se queredes saber como podedes formar parte da familia de Apego facede clic no vídeo.

Ligazóns

Descargas

Vídeos

Compartir: