Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

E se te fas youtubeir@? Obradoiro práctico de videocreación en Carballo

O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e no marco do proxecto Youtubeir@s, convoca un obradoiro de videocreación que terá lugar os días 28 de marzo e 4 de abril

Mércores 8 de marzo do 2017

Un mago sorprendéndonos con divertidos trucos; unha xogadora de balonmán facendo crónica deportiva e dando opinións e consellos sobre este deporte; un pediatra dándolles recomendacións sobre saúde a nais e pais; unha artista explicando como facer murais na rúa; alguén ensinando a plantar leitugas; unha moza opinando sobre as súas lecturas, series ou pelis; un surfeiro ensinándonos técnicas; ti dando a coñecer os teus trucos dese biscoito que tan ben che sae... Ocórrensenos unha chea de youtubeiras e youtubeiros que poden saír de Carballo!

Por iso o Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e no marco do proxecto Youtubeir@s, convoca un obradoiro de videocreación práctico que terá lugar os días 28 de marzo e 4 de abril no Pazo da Cultura.

Nel, cada participantes terá que crear un vídeo de menos de cinco minutos para calquera das dúas categorías do concurso Youtubeir@s (www.youtubeiras.gal): vídeo-facermos ou vídeo-opinarmos. Ese é o reto deste obradoiro práctico.

Na primeira das sesións, que terá lugar o martes 28 de marzo, traballaranse consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara de dispositivos móbiles e aprender a mellor forma de transmitir os coñecementos, traballando o guión para os vídeos. Na segunda sesión formativa, que terá lugar o martes 4 de abril, o alumnado editará o material que gravou e aprenderá a subilo á plataforma YouTube. Entre ambas as dúas sesións haberá asistencia en liña para acompañar o proceso de guionización e gravación.

Así será este taller de videocreación que convoca o Concello de Carballo no marco do proxecto cooperativo Youtubeir@s, que se desenvolve conxuntamente entre 14 servizos de normalización lingüística, 11 de concellos –entre os que está o de Carballo– e os das tres universidades galegas.

A participación no obradoiro, que terá lugar no Pazo da Cultura, é gratuíta, e está aberta a todas as persoas interesadas maiores de 14 anos. Poden participar un máximo de 20 persoas por orde de inscrición, que debe facerse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo a través do correo electrónico nelvidal@carballo.gal ou do teléfono 981 704 304.

Ademais deste obradoiro aberto, no marco do proxecto Youtubeir@s tamén se desenvolverán outros durante marzo e abril nos IES Monte Neme e Isidro Parga Pondal para o seu alumnado.

Ligazóns

Compartir: