O alcalde de Carballo participa no acto de lembranza a Pondal organizado por Galiza Cultura no centenario da morte do poeta
Ademais de Evencio Ferrero intervirán María Xosé Bravo, Xosé María Varela e Manuel Ferreiro
Luns 6 de marzo do 2017
O 8 de marzo é este ano unha data dobremente sinalada no calendario do Concello de Carballo. Por unha banda, porque celebramos o Día Internacional da Muller, arredor do cal temos preparado un amplísimo programa de actividades. E, por outra, porque se cumpren 100 anos do pasamento dun bergantiñán e galego ilustre, Eduardo Pondal, e o Concello de Carballo participará activamente no acto de lembranza do autor do Himno Galego que se celebrará mañá martes, véspera do centenario, ás 17 horas, no cemiterio de San Amaro (A Coruña).
No camposanto corúñés, no que repousan os restos do bardo, realizarase unha ofrenda floral na que intervirán Manuel Ferreiro, estudoso da obra de Pondal; Xosé María Varela, en representación da Fundación Eduardo Pondal; María Xosé Bravo, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. O acto, organizado por Galiza Cultura, servirá tamén de homenaxe a outros autores e autoras ilustres soterrados en San Amaro, e concluirá coa interpretación do Himno Galego.