Máis de 200 rapaces e rapazas con moito que dicir no Club de Debate 2017
A fase de zona que terá lugar en Carballo desenvolverase o mércores 15 de marzo no Auditorio do Pazo da Cultura, e nela participarán nove equipos de Ferrol, Oleiros, Teo e Carballo.
Xoves 2 de marzo do 2017
Por sexto ano consecutivo diversos concellos galegos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), puxeron en marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico entre a mocidade. Os concellos que organizan esta sexta edición conxunta son nove: Ames, Carballo, Ferrol, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación é de 27 equipos mixtos e máis de 200 rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de diversos centros de ensino.
A competición dividirase en tres fases de zona con nove equipos cada unha. A primeira delas terá lugar o sábado 4 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra cos equipos de Negreira, Rois e Pontevedra, que debaterán sobre se “Debemos acoller as persoas refuxiadas”. Ese será o mesmo tema da fase que se desenvolverá o venres 10 de marzo en Bertamiráns, Ames, cos equipos dese municipio e mais de Santiago de Compostela. A última das fases terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo, o mércores 15 de marzo, e na que participarán tamén nove equipos de Ferrol, Oleiros, Teo e Carballo sobre “Os deberes escolares son convenientes para a educación”.
De cada debate, o xurado, composto por lingüistas, xornalistas, docentes e comunicadores/as, emitirá unha puntuación coa que se conforma a clasificación final e cuxos dous primeiros equipos recibirán como agasallo material cultural por valor de 500 e 300 euros respectivamente, ademais de se clasificaren para a final.
Os dous equipos de Carballo, que xa participaron nunha xornada de formación en Oleiros, están formados por alumnado de 1.º de Bacharelato do IES Isidro Parga Pondal. Dun deles forman parte Alejandro Espasandín, Candela Rey, Valeria Serrano, Jorge Blanco, Marcos Souto, Carmen Castro, Rubén Lorenzo, Noelia Pintos, Alejandro Amarelle e Sergio Martínez; e do outro Alba Campos, Andrea Varela, Iria Rodríguez, Christian Gerpe, Brais Gómez, Patricia Varela, María Brandón, Pablo Garrido e Francisco Rey. As profesoras que os coordinan son Beatriz Cuesta e Basi Pacoret.
A final galega, o 6 de maio en Santiago de Compostela
Os dous primeiros equipos clasificados en cada unha das zonas desta fase participarán na final galega, que terá lugar o sábado 6 de maio no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela.
O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegarse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.
En consonancia tamén con este obxectivo, o tema sobre o que debaterán na final é: “O futuro da lingua está na mocidade”.