Carballo, punto de partida do Dicionario Audiovisual Galego
Un sitio web irá recollendo vídeos de fenómenos dialectais de diferentes zonas do país para procurar difundilos e poñelos en valor
Mércores 22 de febreiro do 2017
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) creará un sitio web con funcionalidade de Sistema de Información Xeográfica que permitirá xeolocalizar sobre un mapa interactivo a pluralidade de fenómenos dialectais da lingua galega recollidos en vídeos, e estruturados por categorías para facilitar a procura de información. Este web funcionará a diferentes escalas de aproximación e permitirá a incorporación de información (micro)toponímica. O obxectivo é crear un espazo colaborativo que recolla a diversidade de particularidades dialectais do galego, co obxectivo de dalas a coñecer no conxunto do país e poñelas en valor, e que vaia aumentando a súa información mediante a participación de todas as persoas interesadas neste campo que queiran colaborar gravando e publicando os vídeos desas gravacións.
Para comezar a ter contidos, e tamén para guiar ás futuras persoas usuarias da páxina web, faranse unha serie de excursións dun día ou dunha fin de semana dedicadas ao rexistro dos fenómenos dialectais, en que se irán filmando persoas de diversas zonas da Galiza até se conseguir cubrir unha parte significativa do territorio. Todas as excursións comezarán cun pequeno obradoiro de filmación en que tamén se fornecerán informacións prácticas para a gravación deses fenómenos dialectais a través de entrevistas a persoas. Despois destes traballos de campo, os equipos de filmación poderán xuntarse para ver o material gravado e trocar impresións, no propio día ou noutro, antes de comezar o proceso de montaxe e divulgación dos vídeos no sitio web.
Comezo das gravacións: Carballo, sábado 11 de marzo
O comezo deste singular Dicionario Audiovisual Galego será en Carballo, onde a Associaçom Galega da Língua (AGAL) organiza o sábado 11 de marzo a primeira xornada de gravación, cun pequeno obradoiro inicial a primeira hora da mañá e traballo de campo durante todo o día.
O punto de encontro das persoas que participen será a Biblioteca Rego da Balsa (na rúa de Bos Aires s/n) ás 9.45 h para realizar alí un pequeno obradoiro de gravación e organizar os equipos de filmación que percorrerán diversas parroquias durante o día en coches particulares.
A participación nesta xornada -que conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo- está aberta a todas as persoas interesadas, que se poden inscribir contactando coa AGAL a través do enderezo electrónico presidencia@agal-gz.org (Eduardo). Aínda que non é obrigatorio levar cámara de vídeo ou outro dispositivo de gravación (móbil, tablets...), si que é recomendable, para que así se poidan obter máis gravacións e todas as persoas poidan participar activamente na xornada.