Proxecto Apego, de socialización en galego desde a infancia
O futuro da lingua galega está nos e nas falantes vindeiros/as. Por iso, o Concello de Carballo, desde o seu SNL e xunto con outros concellos do país, pon en marcha o proxecto Apego, para a socialización en galego desde a primeira infancia, e para o apoio á crianza na lingua propia.
Deste xeito, ás familias que van ter un bebé dáselles a caixa de benvida de Apego, que contén unha serie de materiais iniciais para o comezo da crianza en galego (consellos de crianza, un álbum de primeiras experiencias, propostas de nomes, un medidor, adhesivos, cantos de berce, cantigas, xogos de dedos, unha mantiña apego en forma de polbo [o polbo Po, a mascota do proxecto ;-)], etc.) e, unha vez que nace o bebé dánselles outros materiais, como un disco de música infantil variada en galego, e préstaselle apoio para a crianza a través de obradoiros de nanas, de xogos de dedos, grupos, contacontos, etc.
O obxectivo deste proxecto cooperativo entre concellos é incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.