SÁBADO 10, DE 11.00 A 12.00 HORAS
Protección Civil realizará un simulacro de salvamento dentro do programa medioambiental “Eu quero Razo-Baldaio”
Na actividade tamén participarán a Unidade de Salvamento e Socorrismo Acuá-tico e a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima
Xoves 8 de agosto do 2024
O programa de educación e sensibilización medioambiental Eu quero Razo-Baldaio continúa a súa andaina despois de varias actividades nocturnas, que sempre espertan moita expectación, e da estrea das nosas particulares Pekeolimpíadas, que aínda nos reservan a emoción das finais para o día 14 en Baldaio.
Para as vindeiras semanas temos moitas citas aínda nas que podes inscribirte, como a camiñada que realizaremos o día 17 de Carballo a Razo coa colaboración da Agrupación Deportiva Xiria, entre outras moitas e variadas rutas e actividades das que atoparás toda a información e os formularios de inscrición aquí.
Pero a proposta máis inmediata é o simulacro de salvamento que realizará este sábado 10 de agosto Protección Civil de Carballo coa colaboración da Unidade de Salvamento e Socorrismo Acuático e a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar). Se queres asistir non tes máis que achegarte ata o posto principal dos socorristas de Razo ás 11.00 horas.
O simulacro permitirá comprobar a viabilidade do plan de actuación municipal por incidencias en zonas de baño incluído no PEMU (Plan de emerxencias municipal) co que conta o noso concello desde o ano 2010. Na acción contaremos cos seguintes medios humanos e materiais de Protección Civil de Carballo: unha moto acuática con patrón e socorrista, unha embarcación con patrón e socorrista, outra embarcación de apoio, aos que se sumarán os de Sasemar, entre eles o helicóptero Helimer Galicia.
Os participantes realizarán tres exercicios, que consistirán no rescate dunha vítima consciente e o seu posterior traslado para avaliación sanitaria, o rescate dunha vítima inconsciente e o posterior traslado a embarcación para evacuación aérea e, por último, unha demostración práctica da plataforma de rescate teledirixida e manobras con tecnoloxías de última xeración cedidas por Nordes Tech.