Moita participación nas primeiras actividades do programa "eu quero Razo-Baldaio" e na ruta guiada polo río Anllóns
Este sábado continúan as actividades no litoral cunha saída para coñecer a flora e a fauna das contornas dunares e a inauguración dunha escultura no Castrillón
Mércores 7 de xullo do 2021
Ruta do obradoiro de pegadas
O mes de xullo comezou no noso concello cunha interesante oferta de actividades de ocio ligadas a algúns dos recursos naturais máis importantes do noso concello. Un ano máis, en colaboración coas asociacións ecoloxistas Senda Nova, Hábitat e Adega, está en marcha o programa “eu quero Razo-Baldaio”, que se desenvolve principalmente nas parroquias costeiras e que xa nos permitiu gozar das dúas primeiras actividades. Pero este sábado tamén levamos a cabo unha ruta guiada polo río Anllóns que nos permitiu, ademais de facer exercicio e aprender moito sobre o noso río, achegarnos a unha obra literaria colectiva dedicada á arteria fluvial da comarca de Bergantiños. Entre unhas e outra participaron un total de 65 persoas, unha boa cifra tendo en conta que en todos os casos as prazas son limitadas.
Ruta polo patrimonio costeiro
O programa “eu quero Razo-Baldaio” arrincou o sábado no Espazo da Natureza de Oza cun obradoiro de pegadas da fauna autóctona que se completou o domingo cunha saída pola Ribeira da Pena, na parroquia de Aldemunde, poñendo en relación a costa co interior do noso concello e atopando, ademais, “rastros compatibles co raposo, o porco teixo ou o lobo”, tal como explican dende Senda Nova, que se encargou de guiar a actividade.
Ás 27 persoas de todas as idades que participaron nesta primeira actividade da fin de semana sumáronse 15 máis na ruta polo patrimonio das parroquias costeiras que se celebrou hoxe, guiada tamén por Senda Nova. Nesta ocasión o público foi maioritariamente adulto, e a verdade é que o percorrido, que incluíu As Torres, Pardiñas, Cambrelle, Castrillón e Lema, foi moi animado e participativo.
A próxima cita é o sábado, neste caso da man do Grupo Naturalista Hábitat, para coñecer a fauna e a flora das contornas dunares. Lembra que é necesario realizar inscrición previa. Podes facela aquí. E se queres ver o programa completo para os meses de xullo e agosto pincha aquí.
Saída da ruta guiada polo río Anllóns
A natureza foi tamén o escenario da presentación do libro O río Anllóns, posto que se fixo sobre o terreo, cun percorrido dende A Ponte de Bértoa ata o Parque do Anllóns. Nesta actividade, organizada dende a Concellaría de Cultura, participaron 23 persoas, que contaron como guías de excepción con Xan Fernández, Luís Giadás, Antón García Losada, Fernando Cabeza Quiles e Evaristo Domínguez. Grazas a eles puidemos coñecer moito máis sobre a historia, a toponimia, a flora e a fauna, a literatura e a natureza ligadas ao noso río.