Tres bandeiras azuis, un sendeiro azul e o distintivo EMAS certifican a calidade ambiental e a excelencia das nosas praias
O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, participou no izado das bandeiras, entre as que este ano tamén incluímos a do Orgullo
Domingo 4 de xullo do 2021
Unha das tres bandeiras azuis que se izaron esta fin de semana
A Bandeira Azul volve a ondear nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén certificamos as nosas praias co ISO 14001 e o Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias.
Sendeiro Azul 2021
Un ano máis, este sábado 3 de xullo izamos as bandeiras que simbolizan os valores do noso litoral e tamén colocamos na Pedra do Sal o diploma do Sendeiro Azul que distingue a ruta costeira que te animamos a realizar. No acto participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto; o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Juan Barca, e unha representación da trintena de socorristas que traballan este verán nas praias carballesas.
Miguel Vales e Javier Souto, izando a bandeira do Orgullo
Pero este ano son só están representados os valores medioambientais e turísticos dos nosos areais, senón tamén outro tipo de valores que queremos que identifiquen á totalidade do territorio do concello de Carballo. Por iso, Miguel Vales tamén izou na praia de Razo a bandeira multicolor que simboliza as reivindicacións dos colectivos LGBTIQA. Nos vindeiros días tamén se colocarán os colectores de vidro coas cores do arco da vella que podedes ver dende o 28 de xuño na rúa Desiderio Varela.
Actividades nas praias
Co obxectivo de seguir impulsando o aproveitamento sostible da nosa franxa costeira, ao longo do verán tamén se levarán a cabo outras actividades. Esta fin de semana, sen ir máis lonxe, arrincou o programa “eu quero Razo-Baldaio” cun obradoiro de pegadas da fauna autóctona que resultou un éxito de participación. A próxima actividade será este mércores, pero se queres coñecer todas as citas previstas para o verán e reservar praza só tes que entrar aquí.
A campaña anual de volei-praia, que presentaremos en breve, e A Praia dos Libros, que comezou cunha primeira acción en colaboración coas librarías locais, son outras propostas para gozar do verán nas nosas praias xunto co surf, a pesca deportiva ou o baño. Neste sentido as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.