PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DE XULLO E AGOSTO
O litoral carballés reivindícase como espazo de ocio sustentable e seguro cunha nova edición do programa "Eu quero Razo-Baldaio"
A empresa responsable do servizo de limpeza de praias súmase cunha campaña sobre a prevención da COVID-19 nas praias
Mércores 30 de xuño do 2021
Participantes na presentación da campaña anual "Eu quero Razo-Baldaio"
A zona da Explanada, entre Razo e Baldaio, foi o punto de encontro para a presentación dunha nova edición do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, que este ano non só reivindica o litoral carballés como un espazo para o ocio sustentable, senón tamén como un espazo seguro. E para que o siga sendo, en colaboración coa empresa Acciona, responsable do servizo de limpeza de praias, unha figura con forma de coronavirus irá percorrendo as nosas praias para lembrar aos usuarios e usuarias que este verán é preciso respectar a distancia interpersoal de 1,5 metros e utilizar a máscara tanto nos accesos coma nos paseos.
Na presentación de hoxe participaron representantes das tres entidades ecoloxistas que, un ano máis, van ser as encargadas de guiar as actividades: Adega, Hábitat e Senda Nova. Tamén se sumou o persoal do servizo de limpeza e das empresas colaboradoras: Aspaber, Sulo, Ecovidrio e López Cao, ademais de Acciona.
“O obxectivo é tratar de coñecer máis o litoral de Razo-Baldaio, porque canto máis se coñeza máis se coidará”, apuntou o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, na presentación de hoxe. Por iso, entre a vintena de actividades que se levarán a cabo entre os meses de xullo e agosto abórdase o coñecemento do espazo dende diferentes perspectivas: medioambiental, etnográfico, cultural... Pincha aquí para ver o programa completo.
O alcalde de Carballo, que pechou o acto de presentación, destacou que a continuidade do programa “Eu quero Razo-Baldaio” ano é unha proba “de que se valora dunha maneira positiva o traballo feito e a experiencia acumulada, e hai que agradecer a dispoñibilidade das entidades para seguir divulgando os enormes valores que ten o espazo natural de Razo-Baldaio”. Evencio Ferrero amosou o seu agradecemento tamén ás empresas colaboradoras e fixo unha chamada á participación, “porque é o que estimula que se sigan organizando actos, e ademais co monitorado de Adega, Hábitat e Senda Nova seguro que van ser actividades tremendamente proveitosas para coñecer e medio e para identificarse máis cun patrimonio natural tan privilexiado coma este”.