DO 24 AO 28 DE SETEMBRO
Preto de 200 novos surfeiros disputarán o campionato europeo da WSL no Cabreiroá Junior Pro Razo
Carballo acollerá a novos talentos de 12 a 20 anos dunha ducia de nacionalidades desde Xapón ata Europa do Leste
Venres 20 de setembro do 2024
Imaxe do ano pasado
Conta atrás para a próxima edición do Cabreiroá Junior Prol Razo 2024, a terceira e última das tres probas que a WSL (World Surf League) celebra este ano en Galicia, en augas da Coruña tras os campionatos internacionais do Gadis Longboard Festival Ferrol e o Abanca Pantín Classic Surf Pro.
Son preto de 200 os novos surfeiros rexistrados -187 ata a data- para a competición oficial, de entre 12 e 20 anos, dunha ducia de nacionalidades chegados desde Xapón, como Hare Natori, ou do circuíto europeo desde Israel, República Checa, Países Baixos, Italia, Francia, Portugal, Gran Bretaña, Alemaña ou Bélxica que competirán en augas de Razo polo QS1000 da WSL.
Son 131 mozos e 56 mozas, entre as que destacan Anette González-Etxabarri e Sol Borrelli, a francesa Sarah Leiceaga ou a lusa María Salgado. Entre os homes, Lukas Skinner (GBR), Edoardo Poggi (ITA), John John Rabinovich (ISR) ou os irmáns Dylan e Connor Donnegan (ESP), xunto a Jacobo Trigo, Sebastián Baamonde ou o galego Manuel Fernández, vencedor do Open galego que lle deu o pase directo á competición principal do Pantin Classic este agosto xunto aos mellores do mundo.
O Cabreiroá Junior Pro Razo disputarase do 24 ao 28 de setembro en augas da praia de Razo, sendo o 24 a data escollida para a celebración dos triais galegos da Federación Galega de Surf (FGS) para dar o pase directo á competición principal (do 25 a 28) aos mellores do circuíto autonómico en categorías masculina e feminina.
Un ano máis, a competición é posible en augas da Coruña grazas ao respaldo da Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, xunto á Xunta de Galicia, -a través de Turismo de Galicia e Deporte Galego, e ao apoio dos patrocinadores privados como Cabreiorá, Gadisa, Vithas, Intermax e Xoiería Jael.
O evento contará cun recurso para a conciliación grazas á implicación da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta cun Espazo Corresponsable, para menores de 4 a 16 anos para compatibilizar a vida familiar de deportistas, traballadores e público nun espazo completamente gratuíto.
Estará aberto de martes a sábado, de 10 a 14 e de 16 a 20 h baixo carpa, con monitores titulados e distintas actividades ligadas ao medio ambiente e ao lecer activo, desde bautismos de surf a clases de skate e talleres ambientais nunha contorna única que aspira a ser Reserva Mundial de Surf da man da Deputación Provincial.