As obras transforman por completo o pavillón do complexo deportivo Carballo Calero
O Concello de Carballo realiza un investimento de medio millón de euros nos dous complexos deportivos municipais
Venres 30 de agosto do 2024
O pavillón polideportivo Carballo Calero experimenta unha profunda transformación grazas ao investimento que está a realizar o Concello de Carballo, que acada os 300.000 euros. Os resultados xa están á vista, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.
A actuación, que rematará nos vindeiros días, incluíu a renovación do pavimento dos 1.236 metros cadrados de superficie que ten o pavillón. O novo pavimento está especialmente deseñado para o adestramento e a competición de baloncesto, fútbol sala, balonmán, bádminton ou voleibol, así como para deportes sobre rodas, coma patinaxe ou hóckey.
Para facilitar a práctica deste último deporte, ademais, está a colocarse unha valla de protección fixa agás nun dos laterais, que conta cun sistema hidráulico que permitirá subila e baixala segundo as necesidades.
Dentro dos investimentos que estamos a realizar nas instalacións deportivas municipais tamén figura o equipamento para as salas fitness dos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia, que se realizará por sistema de arrendamento cun orzamento de máis de 200.000 euros para catro anos. O contrato formalizarase en breve.