Deporte

Deporte

Carballo será escenario de dous grandes espectáculos de autocross no prazo dun mes

Este sábado 8 de xuño dispútase no circuíto de Bértoa a terceira do campionato galego e o 13 de xullo, a cuarta do estatal

Xoves 6 de xuño do 2024

O autocross volve ao circuíto municipal de Carballo por partida dobre: este sábado dispútase a terceira proba do campionato galego e o 13 de xullo, a cuarta do estatal. O espectáculo está servido, como aseguraron hoxe os membros do comité organizador Ernesto Rumbo e Juan Fernández, que presentaron a carreira desta fin de semana acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Daniel Pérez.

Este último foi o encargado de abrir o acto de presentación, e lembrou que precisamente a súa estrea como concelleiro de Deporte tivo lugar na proba do campionato de España do ano pasado, na que descubriu que non é preciso ser afeccionado ao autocross para gozar dun espectáculo que cualificou como “impresionante”.

Este sábado, o circuíto de Bértoa acollerá o seu 18º autocross. “Isto é froito do xerme que plantamos moitos anos atrás e que, co apoio do Concello de Carballo, estercamos, regamos e collemos as colleitas. Hóuboas mellores e peores, pero estou convencido de que recuperaremos o ritmo coa implicación do concello”, dixo Ernesto Rumbo, que manifestou tamén: “Nós intentamos dar a Carballo o que Carballo nos dá a nós”.

De feito, Juan Fernández asegurou que, aínda que non o son, os dous representantes do comité organizador “sentímonos carballeses pola boa disposición do Concello de Carballo. Noutros concellos o autocross ten posta unha cruz moi grande”, engadiu.

Ernesto Rumbo incidiu en que Carballo “hoxe en día é un referente importante”, como demostra a gran expectación que está espertando o campionato de España de xullo ou o feito de que na carreira deste sábado vaian participar 53 pilotos, igualando a cifra máis alta da temporada. As cifras de participación están lonxe das de anos atrás en todos os circuítos, pero no caso de Carballo “imos poñer da nosa parte para recuperar as cifras de ata cen inscritos que houbo hai uns anos”, manifestou Rumbo. Nese sentido engadiu que o galego será “un aperitivo do nacional”, no que se agarda unha gran participación.

O alcalde pechou a presentación agradecendo a confianza do comité organizador en Carballo e a profesionalidade e rigorosidade coa que prepara cada nova cita deportiva. “Estamos encantados de que Bértoa se teña convertido nun referente a nivel de toda España”, rematou.

Horarios

  • O 18º autocross Carballo comezará ás 08.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas.
  • A partir das 10.30 desenvolveranse os adestramentos libres das distintas categorías: carcross, -1.600 cc, + 1.600 cc, 4x4 e carcross júnior.
  • Os adestramentos oficiais realizaranse a partir das 12.10 horas.
  • As mangas clasificatorias empezarán ás 15.00 horas.
  • As finais disputaranse a partir das 19.00 horas.
A información completa sobre horarios, regulamento e listaxes de inscritos, na ligazón inferior.

Ligazóns

Compartir: