Carballo, sede da Final 4 de balonmán sénior masculino e feminino
Representantes da Federación Galega de Balonmán, das Escolas Balonmán Xiria e do Concello presentaron a competición
Luns 15 de abril do 2024
Carballo é a sede da Final 4 de balonmán sénior nas categorías masculina e feminina, que se disputará os días 20 e 21 no pavillón Vila de Noia. Na categoría feminina haberá representación local, xa que o Xiria é un dos equipos que optan á fase de ascenso xunto con Cangas, Carballal e Lavadores. Na categoría masculina o espectáculo tamén está asegurado, xa que competirán O Grove, Atlético Guardés, Magope e Seis do Nadal.
O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, estivo hoxe na casa do concello para presentar a competición, na que colaboran as Escolas Balonmán Xiria e o propio Concello de Carballo. O club carballés estivo representado no acto por José Antonio Rodríguez Fraga, vicepresidente primeiro; Sheila Ferreiro, xogadora, e Pablo Iglesias, responsable da área deportiva do club; en tanto que por parte do concello asistiron o concelleiro de Deporte, Daniel Pérez, e o alcalde, Evencio Ferrero.
O presidente da federación cualificou esta Final 4 como “a mellor competición autonómica que temos na Federación Galega de Balonmán” e amosouse especialmente contento de que se dispute en Carballo, “o meu pobo”. Pero, máis alá da valoración persoal, destacou que “na Federación sabemos que Carballo é unha vila con gran tradición balonmanística, que o concello apoia para que esta fin de semana teñamos o mellor espectáculo posible no pavillón Vila de Noia, e que as Escolas Balonmán Xiria teñen unha gran capacidade organizativa, unha estrutura envexable, e poñen moitísimo cariño en todo o que fan. Con estes ingredientes imos ter unha fin de semana de gran festa do balonmán galego”.
O vicepresidente primeiro de Balonmán Xiria agradeceu o apoio do Concello de Carballo, das entidades colaboradores e da Federación Galega de Balonmán por confiar e apoiar o equipo que realiza o club.
Tamén o concelleiro de Deporte puxo en valor o traballo que se vén realizando desde Balonmán Xiria e amosouse moi contento de que Carballo estea representado na Final four por “as nosas guerreiras”.
O alcalde felicitou á Federación Galega de Balonmán por utilizar este sistema de competición, “que crea afección, crea adicción e atrae a moitísima xente. É un gran acerto”. Evencio Ferrero expresou o recoñecemento do Concello á federación e tamén a Balonmán Xiria por volver estar presente nesta Final 4.