Deporte

Deporte

SÁBADO 10 DE FEBREIRO

Carballo consolídase como sede do Campionato galego de salvamento e socorrismo de distancias curtas

160 deportistas de nove clubs galegos e un cántabro participarán na proba de-portiva e lúdica co-organizada pola Fessga e Sysca co apoio do Concello

Xoves 8 de febreiro do 2024

O Campionato galego de salvamento e socorrismo de distancias curtas celebra a súa terceira edición, e, como as dúas anteriores, tamén será en Carballo. Como explicou o director deportivo da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), Daniel Vila, o noso concello reúne as condicións axeitadas, tanto por instalacións coma por colaboración, para acoller unha competición deste tipo.

Daniel Vila participou na presentación do evento xunto con representantes do Sysca, que participa na organización, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que puxo en valor o gran traballo que vén realizando a entidade carballesa, exemplo do papel fundamental que cumpre o asociacionismo na promoción do deporte de base e que constitúe “a carta de presentación de Carballo en todo o país”.

O campionato reunirá na piscina Carballo Calero a 160 deportistas dos clubs de salvamento e socorrismo da Laracha, Cerceda, Arteixo, Sada, A Coruña, Caldas de Reis, Ourense, A Estrada e Carballo. E ademais haberá unha representante do club de Noja (Cantabria). A participación vai a máis cada ano, mostra, como comentou Daniel Vila, do auxe que está adquirindo esta modalidade tan recente, “que é moi divertida e espectacular”, engadiu Queco Quintela, representante tamén da federación.

A competición celebrarase ao longo da xornada do sábado, en horario de mañá e tarde, e terá un compoñente lúdico moi importante, con sorteo de regalos incluído. “Pretendemos que haxa ambiente de festa”, engadiu Moisés Periscal, secretario do Sysca, que, por certo, o ano pasado foi o club gañador.

Compartir: