Deporte

Deporte

O Concello de Carballo, premio á mellor entidade pública galega do ano 2023 en xestión deportiva

A entrega do galardón realizarase o xoves 14 na Coruña, no marco do I Encontro da xestión deportiva de Galicia

Venres 15 de decembro do 2023

Evencio Ferrero recolleu o premio como máximo representante do Concello de Carballo

Evencio Ferrero recolleu o premio como máximo representante do Concello de Carballo

O xurado dos XIV Premios Galicia á Xestión Deportiva decidiu outorgar ao Concello de Carballo o galardón á mellor entidade pública do 2023. O recoñecemento fíxose oficial este xoves 14 de decembro, no marco do I Encontro da xestión deportiva de Galicia, que se celebrou no Nordés Club Empresarial da Coruña, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.

O xurado estivo composto por Eduardo Blanco Pereira, presidente de Agaxede (Asociación Galega de Xestores Deportivos); Patricia Pérez Galiñanes, vicepresidenta da mesma entidade; Xurxo Dopico Calvo, en representación da Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física da UDC; Juan Luis Rodríguez Cudeiro, da Federación Galega da Prensa Deportiva; Iván Clavel San Emeterio, xerente da Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Henrique Xoán Rodríguez Pantín, presidente do COLEF-Galicia; Jesús Alberto León Vázquez, da Fegamp, e Pablo Tenreiro Varela, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. Josefina Maestu Almeida, vicesecretaria de Agaxede e presidenta da Federación Galega de Montaña, exerceu como secretaria, e Cristian Florín Gavril, tamén de Agaxede, como coordinador.

PALMARÉS

  • Premio ao mellor xestor deportivo: Amador Riveiro Rodríguez (CEO da empresa Th Wel-Being Lab)
  • Premio ao mellor concello de menos de 15.000 habitantes: Concello de Cervo
  • Premio á mellor entidade pública: Concello de Carballo
  • Premio á mellor entidade privada: empresa Máis que auga
  • Premio ao mellor estudo ou innovación: Club Ciclista Padronés-Cortizo
  • Premio ao mellor patrocinio deportivo: Gadisa
  • Premio á xestión sostible no deporte: Club Marcha Nórdica Nordic Club
  • Premio á xestión deportiva de inclusión social: Fundación Abrente-ENKI
  • Premio á mellor actividade ou programa deportivo: Imua Paddle Surf Aguete
  • Premio á xestión deportiva con perspectiva de xénero: Silva Sociedade Deportiva
  • Premios de recoñecemento especial “José Luis Salvador”: Cristian Florín Gavril, coordinador de Agaxede, e Fernando Soria Dorado, director de España se mueve.

AGAXEDE

Agaxede nace en 1998 con vocación de servizo ás persoas que realizan un desempeño de dirección e xestión deportiva. O I Encontro da xestión deportiva de Galicia é unha iniciativa de Agaxede e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar como experiencia de networking, e supón, xunto coa gala de entrega dos premios, o acto de peche do 25º aniversario de Agaxede.

O encontro xorde con vocación de continuidade con carácter anual para distinguir ás persoas e entidades que destacan pola procura da calidade e a excelencia na dirección e xestión do deporte en Galicia.

Vídeos

Compartir: