DO 20 AO 24 DE SETEMBRO, EN RAZO
O Cabreiroá Junior Razo-Caión 2023 proxecta a Costa da Morte como destino global de surf
O desembarco de 150 competidores júnior, cos seus equipos e familias, durante os cinco días do campionato, suporá unha inxección económica para o sector servizos da comarca
Domingo 17 de setembro do 2023
Conta atrás para o desembarco do Cabreiroá Júnior Pro Razo-Caión, que se disputará do 20 ao 24 de setembro. É o único campionato de surf júnior da World Surf League (WSL) en España, dentro do circuíto europeo puntuable, e marcará todo un fito para apontoar a Costa da Morte como destino de surf internacional que aspira a ser recoñecido como Reserva Mundial pola ONG Save the Waves Coalition.
O evento arrinca este próximo mércores 20 na praia de Razo cos triais galegos _os mellores en categoría feminina e masculina obterán un wildcard ou pase directo á competición principal_ cunha previsión de ondas que garante espectáculo nun evento deportivo que vai máis aló. Aínda quee inicialmente estaba previsto que os triais se disputasen en Caión, ante a previsión meteorolóxica e por razóns de seguridade, organización e Federación Galega de Surf optaron por trasladalos a Razo, onde se concentrará toda a competición nunhas instalacións que ocupan 4.000 metros cadrados a pé de praia.
O Cabreiroá Júnior Pro Razo-Caión empuxa as opcións do areal de Razo e a súa contorna como Reserva Mundial de Surf, un dos obxectivos que se fixou a Deputación Provincial da Coruña, que apoia o evento, dentro da súa estratexia interanual de turismo, e terá, sen dúbida, un impacto máis que positivo na economía comarcal. O desembarco de 150 surfeiros júnior, mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 21 anos, que se desprazan ata Razo acompañados dos seus adestradores e familias, implica un importante retorno no sector servizos a nivel de ocupación hoteleira e gasto en restauración local.
O 85% das prazas hoteleiras, de acordo aos datos do maior portal internacional de reservas online, xa están ocupadas para as datas do evento (do 20 ao 24 de setembro) cunha demanda elevada para finais de setembro. A iso hai que sumarlle o emprego directo estacional que xera o evento, desde a montaxe e á asistencia aos riders, e os monitores da ludoteca, con multitude contratos directos e outros tantos inducidos a cargo do Club Praia de Pantín, que promove a competición.
COSTA DA MORTE, RESERVA MUNDIAL DE SURF
A Deputación da Coruña presentou en 2019 a primeira candidatura para protexer a Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf ante a prestixiosa ONG Save The Waves Coalition (coalición para salvar as ondas). A ONG está especializada na protección, conservación e na divulgación de ecosistemas marítimos tan delicados como o conxunto de areais e rompentes que se estiran polo litoral que vai de Caión a Carnota. De logralo, a Costa da Morte sería a segunda reserva mundial de surf declarada en Europa, despois da portuguesa Ericeira, e a número 12 do mundo. Todo un reclamo turístico para a provincia da Coruña a nivel internacional para os amantes deste deporte e outras disciplinas acuáticas (bodyboard, longboard, windsurf, padel surf...)
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación Provincial e concelleiro de Turismo de Carballo, sostén que a Costa da Morte cumpre cos requisitos para obter este recoñecemento internacional como destino sostible e cuxas opcións reforza a celebración dun campionato internacional da WSL, que, ao tempo, é o mellor escaparate turístico para a promoción das praias da zona nun evento que se retransmite en directo en streaming para todo o mundo a través da ligazón en https://classicsurfpro.com/
PROGRAMA DO CABREIROÁ JUNIOR PRO RAZO 2023
MÉRCORES 20
09:00 h Comezo competición GALICIAN TRIALS na praia de Razo.
10:00 - 14:00/16-20:00 h Apertura LUDOTECA CORRESPONSABLES (todos os días ata o 24)
11:00-20:00 h Apertura AO VIVO STAGE (casetas, rampla skate, lecer... Todos os días ata o 24).
18:00 h Fin de competición e repartición WILCARDS entre os mellores deportistas galegos.
XOVES 21
09:00 h Inicio da competición WSL MAIN EVENT
LUDOTECA, AO VIVO STAGE, TALLERES, CURSOS SKATE, BAUTIZOS SURF, MEDIO…
VENRES 22
08:00 COMEZO COMPETICIÓN WSL MAIN EVENT
19:00-00:00 Concertos RAZO SOUND (música en directo): AVOCADO DJ + SUPERFUZZ + PRAIA DESMAIO
SÁBADO 23
08:00 h COMEZO COMPETICIÓN WSL MAIN EVENT
12:00 h TALLERES SOSTIBLES – BY CABREIROÁ & WE SUSTAINABILITY
19:00-00:00 h Concertos RAZO SOUND: LEUTER DJ + AMBIGÜO + TERROR ERÓTICO
DOMINGO 24
08:00 h COMEZO COMPETICIÓN WSL MAIN EVENT
12:00 h TALLERES SOSTIBLES – BY CABREIROÁ & WE SUSTAINABILITY
17:00 h ENTREGA DE PREMIOS E COROACIÓN DOS CAMPIÓNS DO WSL JUNIOR TOUR