Deporte

Deporte

DO 7 AO 9 DE XULLO

O Campionato de España trae unha vez máis o autocross ao Circuíto Municipal de Carballo cunha participación récord

Por terceira vez na historia da competición superamos a barreira dos cen participantes, cun total de 113

Venres 7 de xullo do 2023

Ernesto Rumbo, Cristina Capelán, Evencio Ferrero e Diego Iglesias

Ernesto Rumbo, Cristina Capelán, Evencio Ferrero e Diego Iglesias

O Circuíto Municipal de Carballo volve abrir as súas portas esta fin de semana para acoller a primeira proba da temporada do Campionato de España de Autocross (e a número 15 do calendario local), que comeza cunha cifra récord de participantes. Por terceira vez na historia da competición superamos a barreira dos cen participantes, cun total de 113, e unha vez máis volve pasar en Carballo, considerado un dos mellores circuítos do Estado.

Das excelentes condicións do circuíto municipal e da necesidade de seguilo mellorando para que poida acoller competicións aínda de maior nivel falou Ernesto Rumbo, de Escudería Club Rally Coruña, na presentación da carreira, na que tamén participaron Diego Iglesias, da Escudería Máis Motor; a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, e o alcalde, Evencio Ferrero.

O espectáculo está asegurado, xa que poderemos ver en acción aos mellores pilotos do país nas divisións I e II, buggy, carcross, carcross júnior e carcross series, entre eles varios de Carballo e do resto dos concellos da comarca. O alcalde, que puxo este tipo de competicións deportivas como “un exemplo de colaboración entre administracións e entidades”, incidiu precisamente na alta calidade dos corredores que teñen pasado polo circuíto municipal, entre eles o actual líder do campionato do mundo Jorge Prado, que correu en Carballo sendo aínda un rapaz.

O 15º Autocross Carballo comeou hoxe venres coas verificacións na zona do Rego da Balsa (na imaxe) e os primeiros adestramentos. Mañá continuarán os adestramentos e disputaranse as primeiras mangas clasificatorias a partir das 13.00 horas, e o domingo serán as últimas mangas e as finais a partir das 09.00 horas.

Ligazóns

Descargas

Compartir: