O Torneo 3x3 Carballo reúne esta fin de semana a 300 xogadores de 71 equipos de hóckey a patíns
Xoves 29 de xuño do 2023
Case 300 deportistas (das categorías, sub 12, sub 14, sub 17, feminina, masculina, mixta e vellas glorias) de 71 equipos de toda Galicia e mesmo doutros puntos da península participan desde este venres ao domingo nunha nova edición do Torneo 3x3 Carballo de hóckey a patíns, unha iniciativa da Escola Lubiáns que conta coa colaboración do Concello.
O pavillón Carballo Calero volverá a ser o escenario dun formato de competición moi dinámico, no que se enfrontan equipos formados por dous xogadores e un porteiro, e que non só é un éxito ano tras ano senón tamén un atractivo espectáculo para todas as persoas que se achegan ao polideportivo carballés.
Toda a información sobre a competición, en https://3x3carballo.com/
Este xoves tivo lugar a presentación do torneo na casa do concello coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez; a presidenta da Federación Galega de Patinaxe, María Jesús Vázquez, e varios representantes de Escola Lubiáns. Tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes reiteraron as súas felicitacións ao club polo recente ascenso á OK Liga Prata, un fito na historia do deporte carballés. Podedes escoitar un extracto das declaracións no vídeo.