Deporte

Deporte

O alcalde recibiu á futbolista Elena Vázquez tras proclamarse subcampioa de Europa coa selección sub-17

Venres 2 de xuño do 2023

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ofreceron este venres unha recepción oficial á futbolista Elena Vázquez Brandón, que vén de proclamarse subcampioa de Europa coa selección sub-17. Elena debutou no partido contra Estonia, disputado o 20 de maio na capital do país, Tallin, e marcou un dos seis goles que deron a vitoria á selección española.

Elena, que acudiu á recepción acompañada polos seus pais, asinou no Libro de Honra e foi agasallada cun carballo de Sargadelos, cunha placa na que, ademais do recoñecemento polo éxito acadado en Estonia, quixemos facer constar que dende o Concello de Carballo desexámoslle “un futuro cheo de éxitos”.

Con só 15 anos de idade e ficha do Orzán SD cadete da liga galega, Elena Vázquez acadou esta temporada unha praza de titular no Dépor Abanca B, subcampión de 1ª Nacional, e xa debutou nun amigable co Dépor Abanca da 1ª Federación Iberdrola.



Galería

Compartir: