Deporte

Deporte

30 DE ABRIL E 1 DE MAIO

Carballo, sede da Final 4 de balonmán cadete masculino e feminino

Representantes da Federación Galega de Balonmán, Escolas Balonmán Xiria e o Concello presentaron a competición

Xoves 27 de abril do 2023

Carballo é a sede da Final 4 de balonmán cadete nas categorías masculina e feminina, que reunirán entre o domingo e o luns a máis de 250 deportistas galegos e galegas. O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, estivo hoxe na casa do concello para presentar a competición, na que colaboran as Escolas Balonmán Xiria e o propio Concello de Carballo. O club carballés estivo representado no acto por José Antonio Rodríguez Fraga, vicepresidente primeiro; Jéssica Posse Díaz, coordinadora, e Toni García, adestrador do equipo masculino; en tanto que por parte do concello asistiron o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.

O presidente da federación cualificou esta Final 4 como “un dos eventos máis importantes do balonmán base”, polo que augurou que temos por diante “unha fin de semana de desfrute do balonmán galego, de moito balonmán e, sobre todo, de moito nerviosismo, porque hai en xogo unha praza no sector nacional, tanto na categoría feminina coma na masculina”. Bruno López expresou o seu agradecemento tanto ao club coma ao concello, e asegurou que “vir a Carballo é garantía de implicación e de éxito”.

Nese sentido, o vicepresidente primeiro de Balonmán Xiria asegurou que a colaboración do club responde ao obxectivo común de deportistas, equipo técnico, directiva e mesmo público: “Que haxa moito balonmán”.

A Final 4 cadete reunirá en Carballo aos equipos cadetes dos clubs Mecalia Atlético Guardéx, SAR de Redondela, Cangas Frigoríficos Morrazo e Rodeiro, na categoría feminina, e Cisne, Carballal, Ribeiro e Xiria, na masculina. O adestrador do equipo carballés manifestou o seu desexo de conseguir a “ansiada praza” para o campionato de España, pero sobre todo destacou que “xogaremos no mellor escenario de balonmán que hai no norte de Galicia, que é o Vila de Noia, onde sempre se xogaron moitas competicións e onde esperemos estar algún día o máis arriba posible, e para iso fan falla competicións coma esta”.

Bruno López, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

Bruno López, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

O alcalde pechou o acto felicitando á federación “polo magnífico traballo que está a facer. Creo que nos últimos anos o balonmán en Galicia está a ter un impulso importante, e o nivel do balonmán galego está crecendo moito. Proba dilo é que esta Final Four cadete na categoría masculina tivo que adiarse porque dous xogadores galegos están competindo coa selección española en Túnez, e un deles é de Carballo, Henrique Traba Méndez, que se formou aquí en Xiria”.

Compartir: